18 Nov 2016

O Consello Regulador activa unha campaña promocional dos viños de Valdeorras nas sete cidades galegas

O presidente do Consello Regulador, Francisco García, presentou esta mañá en rolda de prensa a imaxe gráfica e a filosofía dunha campaña promocional dos viños de Valdeorras que se activará, durante un mes, nas principais cidades galegas: A Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense. A campaña fai fincapé “no saber facer dos profesionais do viño de Valdeorras. Unha forma de elaborar que se traduce no excelente produto que supoñen os nosos brancos e tintos”, afirmou García. 

A iniciativa promocional leva como eslogan Un saber facer único e pon en valor un modo de elaborar que ten permitido que os “viños da nosa D.O. se sitúen como os terceiros mellor valorados de España, por tras dos de Priorat e Jerez na Guía Peñín. E que os viños xóvenes de Valdeorras encabecen o ránking dos mellores de España para os expertos desta mesma publicación especializada”, destacou o presidente do Consello Regulador.

 A filosofía e a imaxe gráfica desta iniciativa xira arredor da idea do “saber facer único” dos profesionais ligados ao eido vinícola da comarca

Greguería gráfica
A gráfica da campaña presenta unha ilustración a partir de elementos ligados ao eido do viño, pero cun tinte fantástico. Pretende causar un efecto sorpresivo a través da asociación visual de dúas imaxes que asocian libremente conceptos ligados e á vez contrapostos.Trátase de ilustracións con obxectos únicos e imaxinarios, a modo de greguería gráfica.

“O obxecto resultante é un abridor que na súa parte inferior ten follas de vide, en lugar de sacarrollas. Un obxecto único como único é o noso saber facer”, puxo en valor Francisco García.

Imaxe gráfica nas flotas de urbanos das sete cidades
Xunto a isto, toda a gráfica se apoia sobre texturas de papel que presenta un aspecto rancio, como impregnado polo paso do tempo. Insistimos, así, no carácter tanxible, humano e tradicional dunha actividade milenaria como é a elaboración do viño.

Esta imaxe situarase durante un mes, ata o vindeiro 21 de decembro, nas traseiras e tamén, nalgúns casos, nos laterais das flotas de buses urbanos de diferentes liñas que transcorren polas sete cidades galegas: tres liñas en Vigo, unha en Ferrol e dúas en cada unha das urbes restantes.  Xunto a isto, esta mesma imaxe será a protagonista da valla exterior que está enfrente ás instalacións do Consello Regulador. E, en paralelo, acompañarase coa retransmisión dun pequeno vídeo promocional dos nosos viños que poderá visionarse en pantallas emprazadas no centro de Santiago durante dous meses.

Organización en evolución
“O ano que vén, a nosa D.O. cumpre 60 anos. Esta renovada imaxe que hoxe presentamos pretende chamar a atención dos nosos grupos de interese e situarnos como unha organización en evolución, sen renunciar á esencia dos nosos valores fundacionais e, sobre todo, do noso saber facer”, finalizou o presidente do Consello Regulador.

[arriba]

Novas Anteriores