Historia

Valdeorras, a comarca máis oriental da provincia de Ourense, está situada na Galicia próxima á provincia de León, no noroeste de España.

A historia xeolóxica da comarca provocou que gran parte do seu chan estea composto por lousas, cuarcitas e esquistos. Durante os úlimos 2.500 millóns de anos, Valdeorras sufriu numerosos cambios climáticos e etapas glaciares que deixaron as súas pegadas nas zonas montañosas, constituíndo unha paisaxe natural única, coa formación de terrazas fluviais e un forte encaixamento dos cauces.

A riqueza dos recursos naturais e a fertilidade das súas terras, converteron a Valdeorras en espazo de acollida de numerosos pobos ao longo da historia. Como testemuña da presenza antiga do home, aínda hoxe podemos ver restos megalíticos na Serra da Enciña da Lastra, ademais de trazos rupestres e os petroglifos de Valdegodos, Petín e San Esteban da Rúa Vella.

Cabeza de Bronce © M. Moretón As primeiras citas históricas referentes a Valdeorras aparecen nas fontes clásicas. Plinio, ao falarnos dos Gigurri, denominados Egurros por Ptolomeo, quen refíre a eles como un dos 22 pobos dependentes do antigo Convento Xurídico Aturicense, con capital en Astorga. Tradicionalmente considerouse aos “Guigurros”, xunto cos “Calubrigensis”, como os antigos poboadores de Valdeorras. Destes habitantes do Forum Gigurrorum xurdiu a voz Orras -Val de Geurres, Valdeorras sería, polo tanto, o val dos Gigurros. Uns dos restos máis significativos daquela época pre-romana son a estela funeraria da Coroa na Rúa, e a cabeza de bronce de As Medorras en Vilamartín.

A chegada das lexións romanas supuxo un cambio drástico na vida diaria dos nosos antepasados, xa que, mentres os asentamentos castrexos situábanse en terreos de alta montaña, os romanos trasladaron os núcleos poboacionais a zonas chairas. Isto provocou a dispersión e o traslado continuo, que deu lugar á construción dunha das vías máis importantes da Península Ibérica, la Vía “XVIII” ou “Vía Nova”. Procedente de “Brácara Augusta” (Braga) e con dirección a “Astúrica Augusta” (Astorga), cruzaba Valdeorras de suroeste a noroeste. O único acceso á Galicia que non atravesa as montañas e polo tanto transitábel no inverno. De aí a súa utilización como Camiño Real ou Camiño de Inverno no Camiño de Santiago. Pontes como a do río Bibei, aras, capiteis, lápidas coma a da A Cigarrosamosaicos e esculturas forman parte do legado imperial de Roma; se ben, entre as súas obras de enxeñería destaca a excavación do túnel de Montefurado, co obxetivo de desviar o curso do río para extraer o ouro que este arrastraba.

É opinión xeralizada que a vide produtora de uvas, a Vitis viniferas, foi traída a Galicia polos romanos, ou, alo menos, que eles fomentaron o seu cultivo. Algúns estudos arqueolóxicos sinalan que puido ser Lucio Pompeyo Reburro un dos que plantou as primeiras cepas en Valdeorras.

Coa caída do Imperio romano chegaron suevos e visigodos. Quedan restos prerománicos destacábeis en Petín, Valencia do Sil, Xagoaza, Córgomo e A Rúa. Foi unha época escura que finou co despoboamento da comarca: pola invasión árabe e moi especialmente pola ubicación de Valdeorras como única terra de paso na fronteira coa meseta.

Tras a unificación político-relixiosa da Península Ibérica, chegou un período de paz e esplendor. É nesta época cando aparece a primeira noticia escrita referida á existencia de viñas en Valdeorras. O documento data do 19 de outubro do ano 940.
Villa de O CastroCoas influencias dos grandes mosteiros, a cristianización e o asentamento das ordes monásticas, comeza unha época de transición que desembocará nun dos tempos máis interesantes no devir histórico do val: a etapa en que esta comarca adquire personalidade propia constituíndose nunha unidade concreta e con certa independencia, baixo a tutela dos condes de Rivadavia.

O castelo da vila de O Castro levántase como fortaleza e convértese en capital administrativa e política do val: por espazo de catrocentos anos as grandes decisións da zona tómanse dende esta pequena atalaia.

O século XVII empeza cun feito de gran transcendencia: o comezo da construcción en 1624 do santuario da Nsa. Sra. das Ermidas. Este templo sobre as ladeiras do val do Bibei, unha das máis belas mostras de arte barroco rural de Galicia, contou cun importante papel como foco de atracción e guía espiritual de todos os valdeorreses.

O viño era indispensábel na economía deste santuario, onde contabilizábanse máis de 200 leiras adicadas ao seu labor.

Os inicios do século XIX tinguiron de sangue estas terras como consecuencia do paso das tropas francesas durante a Guerra da Independencia, que conseguiron librar con éxito os paisanos liderados polos denominados, “curas guerrilleiros”.

A finais do s. XIX, a Revolución Industrial e o avance nas comunicacións trouxeron o ferrocarril: o 1 de setembro de 1883 abríase a liña Palencia-A Coruña co correspondente paso por Valdeorras. Sopraron así ventos favorábeis, tamén, para o coidado da vide, xa que da conxunción de variedades autóctonas e técnicas axeitadas, xurdía un viño de alta calidade e forte carácter.

En 1882, a filoxera invadiu os viñedos de Valdeorras. Aquela peste destruía máis de 1.000 hectáreas en poucos anos, supoñendo unha ruína para os cultivos. Foi un ilustre valdeorrés chamado José Núñez quen descubriu o antídoto para exterminar a praga: arrincar as cepas infestadas e queimar toda substancia orgánica contaminada para reprantar con enxertos de castes europeas sobre patróns de orixe americana. Logo dun exhaustivo traballo, a comarca logrou recuperar a abundancia dos seus viñedos.

O século XX viuse marcado polo éxodo rural, a emigración masiva a América do Sur primeiro e a Centroeuropa despois, a recesión económica causada pola posguerra civil, o descenso do consumo do wolframio, a explotación de canteiras de pizarra a nivel industrial, e a instalación de encoros e centrais hidroeléctricas.

Hoxe en día, a comarca compóñena nove concellos: A Rúa, A Veiga, Carballeda, Larouco, O Barco, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín. Exceptuando A Veiga, todos eles dispoñen de explotacións vitícolas, as cuales dotan ao territorio dunha singularidade única. A calidade dos caldos de Valdeorras, convértena en todo un referente no sector e espertan o interese nacional e internacional, por unha rexión pioneira no cultivo da vide, onde o viño tórnase en representación da terra, abandeirando a súa esencia nunha botella.
Valdeorras
[subir]