Chans

A Denominación de Orixe Valdeorras presenta unha gran diversidade de chans para a superficie de viñedo inscrita que posúe 1.300 hectáreas.

O río Sil atravesa a comarca de leste a oeste, orixinando un val con marcado carácter asimétrico: ladeiras con moita pendente na súa marxe esquerda e máis suaves na dereita, esencialmente, nos concellos de O Barco, A Rúa e Vilamartín.

Outros ríos menos caudalosos como o Xares, Bibei, Cigüeño e Casaio, nas terras de O Bolo, Larouco, Rubiá e Carballeda, non chegan a formar vales, mais proporcionan ladeiras onde se cultiva o viñedo, podendo observarse socalcos en pendentes do Bibei e Xares.

Estes chans de exposición sur, sempre foron considerados de vocación vitícola, ao proporcionaren menos fertilidade e boa drenaxe, o que garante un rendemento máis moderado e con uvas de maduración axeitada.