Funcións do consello

Regulamento

CAPÍTULO V

Rexistros

Art. 19.1. O Consello Regulador levará os seguintes Rexistros:

  • Rexistro de Viñas e Viticultores
  • Rexistro de Adegas de Elaboración
  • Rexistro de Adegas de Almacenamento e/ou Envellecemento
  • Rexistro de Adegas Embotelladoras
  • Rexistro de Adegas de Colleiteiro
  • Rexistro de secadoiros para a pasificación de uvas con destino á elaboración de Valdeorras Tostado.

Art. 26.1. As solicitudes de inscrición dirixiranse ao Consello Regulador, achegando os datos, documentos e comprobantes que en cada caso sexan requeridos polas disposicións e normas vixentes, utilizando os impresos que dispoña o Consello Regulador.

Art. 26.4 De acordo co establecido no número 5 do artigo 8 do Decreto 4/2007, o órgano de control e certificación denegará de forma motivada, a inscrición daqueles solicitantes que non cumprisen os requisitos establecidos, o cal será comunicado ao interesado polo Consello Regulador. Contra esta decisión poderanse impoñer recurso de alzada perante a consellería competente en materia de agricultura.

Art. 26.5 A inscrición nestes Rexistros non exime aos interesados da obriga de inscribirse naqueloutros que, con carácter xeral estean establecidos na lexislación vixente, e especialmente no Rexistro de Industrias Agrarias e no de Embotelladores e Envasadores, se é o caso, o que deberá acreditarse con anterioridade á inscrición nos rexistros do Consello Regulador.

 

Art. 27.1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros será indispensable cumprir en todo momento cos requisitos impostos polas normas da denominación e demais normativa de aplicación, debendo comunicar calquera variación que afecte os datos achegados coa inscrición. O Consello Regulador poderá suspender cautelar ou definitivamente as inscricións cando os seus titulares non se ateñan a tales prescricións, despois da instrución e resolución do correspondente expediente.

Art. 27.2 2. As inscricións nos rexistros renovaranse cada 5 anos. O órgano de control e certificación fará as comprobacións oportunas para verificar que se seguen a cumprir os requisitos necesarios.

CAPÍTULO VII

O CONSELLO REGULADOR

Artigo 35º.-Natureza e ámbito competencial.

1. O Consello Regulador da denominación de orixe Valdeorras é unha corporación de dereito público, á que se atribúe a xestión da denominación de orixe, coas funcións que determina a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores; e demais normativa que lle sexa de aplicación. Ten personalidade xurídica de seu, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. O ámbito competencial do Consello Regulador está limitado aos viños protexidos pola denominación, en calquera das súas fases de produción, acondicionamento, almacenaxe, envasado, circulación e comercialización e ás persoas inscritas nos diferentes rexistros.

3. O Consello Regulador actuará en réxime de dereito privado, exercendo toda clase de actos de administración e xestión, agás nas actuacións que impliquen o exercicio de potestades ou funcións públicas, nas que deberá suxeitarse ao dereito administrativo. Para estes efectos, de acordo co artigo 32.5º do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, enténdese que están suxeitas a dereito administrativo as actuacións do Consello Regulador en materia de xestión de rexistros, de xestión e réxime de cotas, a aprobación de etiquetas e a autorización de marcas, o réxime electoral e o réxime disciplinario, así como a responsabilidade patrimonial que derive das súas actuacións suxeitas a dereito administrativo, ademais dos recursos presentados polos interesados polo incumprimento das normas de funcionamento do órgano de control e certificación.

4. A tutela administrativa sobre o Consello Regulador exerceraa a consellería competente en materia de agricultura. De acordo co anterior, a actividade do Consello Regulador está sometida ás exixencias, requisitos e controis que se recollen nos artigos 18 a 21 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e nos artigos 30 a 33 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

[subir]

Artigo 38º.- A Presidencia.

3. As funcións da Presidencia así como as causas de cesamento do seu titular e demais cuestións relativas a este órgano serán as recollidas no citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 41º.- O persoal do Consello Regulador

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras contará co persoal necesario, contratado en réxime de dereito laboral, de acordo co establecido no artigo 27 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro. Na contratación de persoal o Consello Regulador axustará a súa actuación á Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

2. O Consello Regulador terá un secretario-xerente, designado polo Pleno, que terá como cometidos específicos os sinalados no número 2 do artigo 28 do citado Decreto 4/2007.

3. Para os labores de control e certificación o Consello Regulador disporá dunha unidade composta polo persoal necesario que actuará baixo a responsabilidade do director técnico e de acordo cos requisitos sinalados na letra b) do número 1 do artigo 15 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

[subir]

CAPÍTULO X

INFRACCIÓNS, SANCIÓNS E PROCEDEMENTO

Artigo 44º.-Base legal.

1. O réxime sancionador da denominación de orixe Valdeorras é o establecido no capítulo II do título III da Lei estatal 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño.

2. Completa a disposición legal mencionada o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, polo que se refire á toma de mostras e análises; a Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, no relativo á inspección e medidas cautelares; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; o Regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto; e cantas disposicións xerais estean vixentes no seu momento sobre a materia.

Artigo 45º.-Actividade dos inspectores do órgano de control.

1. De acordo co que se establece no artigo 54 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, no exercicio das súas funcións, o persoal do órgano de control e certificación que realice actuacións de inspección e que estea habilitado pola consellería competente en materia de agricultura terá a consideración de axente da autoridade e poderá solicitar a colaboración de calquera administración pública, das organizacións profesionais e das organizacións de consumidores. Así mesmo, poderá solicitar a axuda que precise das forzas e corpos de seguridade.

2. Cando, no exercicio das súas funcións, o persoal inspector do órgano de control e certificación, debidamente habilitado pola consellería competente en materia de agricultura, detecte irregularidades que poidan ser constitutivas de infracción, os feitos serán postos en coñecemento da devandita consellería para o inicio, se procede, do correspondente procedemento sancionador.

[subir]