Consello Regulador

A tradición vitícola de Valdeorras remóntase á época romana. Ao amparo dun microclima mediterráneo-oceánico, os romanos, plantaron viñedos e construíron lagares. Deron así orixe a unha cultura, hoxe secular, na atención da viña e a elaboración de exquisitos caldos, aos que cantaron romeiros e pelegríns de camiño a Santiago.

Dende aquela época, o arduo camiño percorrido por viticultores e elaboradores foi dando os seus froitos ata conseguir que no ano 1945, fose recoñecida a Denominación de Orixe Valdeorras por Orde Ministerial. A Entidade, naceu coa vocación de traballar na recuperación de variedades autóctonas como o Godello e o Mencía, sendo as súas liñas fundamentais de actuación as de apostar pola calidade, impulsar o control, facilitar a promoción e pescudar novos camiños de expansión e comercialización.

Actualmente, o labor vinícola e o complexo mundo ao seu redor está organizado polo Consello Regulador, órgano que rexe os destinos da Denominación de Orixe, abarcando as superficies vitícolas dos municipios de A Rúa, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín.

As zonas de produción ocupan gran parte das cuncas dos ríos Sil, Xares e Bibei. Nelas, o clima é máis seco que no resto de Galicia, misturándose a influencia atlántica cos riscos da continental. A temperatura media é duns 11º C. e o índice de choivas oscila entre os 850 e os 1.000 mm. anuais.

Os chans son variados, dende os lousados, pouco fondos, pasando polos graníticos, máis ricos en area, ata os que están asentados sobre sedimentos e terrazas, onde abundan os cantos rodados. Nesta diversidade de terreos aprécianse, fundamentalmente, dous viños monovarietais. O máis emblemático, o branco de Godello, é de fino aroma afrutado, cor amarela, dourada ou palliza, e boa estrutura en boca, cunha gradación alcólica media de 12,5º. En tintos destacan os elaborados con Mencía, de intensa cor púrpura e elegante aroma afrutado, lixeiros e saborosos, cun bo equilibrio alcol-acidez, apetitosos e de retrogusto intenso e prolongado.

As variedades de castes autorizadas son: Para os brancos, con preferencia o Godello, e ademáis, Dona Branca e Palomino ou Xerez. Para os tintos, preferentemente o Mencía e Sousón, aínda que tamén, Brancellao, Merenzao ou María Ardoña, Negreda, Garnacha tintorera, Alicante, Tempranillo e Grao Negro.

Tras anos de esforzo investigador, de implantación de novas tecnoloxías e a modernización do proceso de produción, logrouse que os viños de Valdeorras estean entre os mellores de España e que sexan exportados aos cinco continentes.

Hoxe en día, a responsabilidade de elaborar os nosos caldos recae nas adegas inscritas no Consello Regulador: son os homes e mulleres que as rexentan, quen conseguiron aunar tradición secular e modernidade para manter e garantir a orixe e a calidade duns viños que son a máxima expresión do sentir dunha terra.

[subir]