14 Xul 2018

Valdeorras convértese no epicentro de lecer e festivo da provincia de Ourense coa celebración da XXI edición da súa Feira do Viño

O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, puxo en valor hoxe durante o acto inaugural da XXI Feira do Viño da comarca a recente consecución da acreditación ENAC por parte do Consello Regulador. Destacou que se trata dun mérito colectivo que vai permitir á D.O. gañar en seguridade xurídica e tamén en imaxe, pois son moitos os territorios amparados do Estado que carecen aínda desta acreditación, esixida pola UE.

Xunto a isto, tamén indicou que o Consello Regulador traballa na dirección de afianzar a marca vinícola Valdeorras. Neste sentido, indicou que “se o conseguimos, non só estaremos sendo quen de vender viño, senón tamén territorio, paisaxe e patrimonio”. “Estaremos contribuíndo, ao tempo, a xerar fluxos de turistas arredor do viño valdeorrés (o que se coñece coma enoturismo)” engadiu. Na mesma dirección, o alcalde do Barco, Alfredo García, animou na súa quenda de intervención todos os presentes a que cada vez que pidan un viño, pidan un Valdeorras, “ao igual que se pide, por exemplo, un ribeiro”.

 O presidente do Consello Regulador destaca, no acto inaugural da feira, a recente consecución da acreditación ENAC por parte do organismo

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, puxo en valor o esforzo da institución á que representa de cara á incorporación dos máis novos ao sector vitivinícola provincial e, finalmente, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, eloxiou os viños valdeorreses, dos que dixo “están merecidamente recoñecidos” en todos os recunchos.

 

Actividades paralelas
A XXI Feira do Viño de Valdeorras, que se celebra na praza barquense de Viloira, conta coa participación de 20 adegas da comarca, e sitúa a Valdeorras no epicentro de lecer e festivo da provincia de Ourense durante dous días. O recinto feiral permanecerá aberto en horario de 12,30 a 14,30 horas e de 19,30 a 23,00 horas. A feira conta cun programa completo de eventos paralelos que inclúe actuacións musicais e actividades para os máis cativos.

Ao longo de toda a fin de semana, funcionará o tren Valdeorras Expreso para facilitar os desprazamentos de ida e volta ata o recinto feiral. O percorrido comprende saídas desde o polideportivo, pasando polo hospital e a praza do Concello ata chegar á Praza de Viloira.

Entre hoxe e mañá, un total de 20 adegas da comarca exhibirán o mellor da súa colleita

A continuación, detallase o nome das 20 adegas participantes na XXI edición da Feira do Viño de Valdeorras:

1 ADEGA A COROA S.A.T.
2 ADEGA O CEPADO S.L.
3 ADEGA ALÁN S.A.T.
4 BODEGA COOP. JESÚS NAZARENO S.C.G.
5 BODEGA COOP. VIRGEN DE LAS VIÑAS S.C.G.
6 BODEGAS GODEVAL S.L.
7 ELADIO SANTALLA PARADELO C.B
8 FELIPE MAYO ALONSO
9 GUITIÁN Y BLANCO S.C.
10 JOAQUÍN REBOLLEDO S.A.
11 Mª TERESA NÚÑEZ VEGA
12 ADEGA MELILLAS E FILLOS S.L.
13 S.A.T. ADEGA O CASAL
14 QUINTA DA PEZA S.L.
15 BODEGA ROANDI S.L.
16 BODEGAS RUCHEL S.L.
17 BODEGAS SAMPAYOLO S.L.
18 SANTA MARTA S.A.T.
19 VIÑA COSTEIRA S.C.G
20 VIRXEN DE GALIR S.L.

 

[arriba]

Novas Anteriores