08 Ago 2017

O presidente do Consello Regulador sinala que se asumirán os compromisos e os contratos en vigor herdados do anterior mandato

O Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras mantivo hoxe a súa primeira xuntanza ordinaria tras o nomeamento de José Luis García Pando como presidente do organismo a finais do mes pasado. No decurso da reunión, os membros do Pleno puideron coñecer un informe sobre o estado actual do organismo, que incluía datos sobre a situación financeira da entidade ou sobre os trámites realizados para optar a diferentes liñas de subvención abertas. Ao termo da xuntanza, o presidente do Consello Regulador expresou a vontade de asumir os compromisos e os contratos en vigor da entidade, herdados do anterior mandato.

O Pleno coñeceu tamén o estado no que se atopa a xestión das facturas relacionadas co organismo, tanto das pendentes de pagamento e prioritarias como das que aínda están sen emitir. Paralelamente, deuse luz verde á tramitación das taxas dirixidas aos viticultores e ás bodegas e aprobouse o cambio das sinaturas autorizadas para a realización dos trámites bancarios relacionados co organismo.

Así o destacou José Luis García Pando tras unha xuntanza do Pleno do organismo celebrada esta mañá en Vilamartín de Valdeorras

Achega das convocatorias plenarias
Entre os puntos da orde do día do Pleno de hoxe figuraba tamén a aprobación do método de comunicación e achega das convocatorias plenarias. É dicir, oficializouse o procedemento e as canles oficiais para trasladar aos membros do Pleno, con antelación suficiente e plena seguridade xurídica, as convocatorias e o contido das ordes do día das xuntanzas que se van manter.

Finalmente, tamén na reunión de hoxe se propuxo aos diferentes membros do Pleno a sinatura dunha Declaración de aceptación de compromisos e doutra Declaración de vinculacion con inscritos. Coa sinatura de ambos os documentos, preténdese impulsar un compromiso ético e de transparencia por parte dos membros do Pleno para que informen a que organismos e/ou bodegas están vinculados e evitar posibles conflitos de interese.

Na reunión analizouse un informe sobre o estado actual do organismo; aprobáronse as sinaturas autorizadas para trámites bancarios e deuse luz verde ao método de comunicación das convocatorias plenarias, entre outros asuntos

[arriba]

Novas Anteriores