10 Set 2014

Os viños de Valdeorras e a súa presenza nas Festas do Cristo do Barco

A chegada do mes de setembro en Valdeorras significa vendima e festas do Cristo no Barco.Cada ano as festas ábrense cun pregón que nesta ocasión corre a cargo do historiador Antonio Castro Voces. Antonio Castro Voces pregoeiro 2014 Un estudoso da historia de Valdeorras e tamén da dos seus viños. Os seus escritos sobre a historia do viño na comarca levan aparecido en diferentes publicacións, un deles é do ano 1991 e aparece no libro do programa de festas titulado “Apuntes históricos dos viñedos de Valdeorras”. Nel lembraba o paso dos romanos como os introdutores da viña na comarca e a continuación do cultivo das mesmas ao longo dos séculos ata en lugares tan difíciles como Casaio ou Lardeira, a máis de 1000 metros de altitude. Tamén relata a chegada da filoxera e a recuperación das viñas co traballo dos viveiros de José Núñez e anos máis tarde o plan REVIVAL ( Recuperación de Viñedos de Valdeorras) de Extensión Agraria e o Consello Regulador. Na apertura das festas como pregoeiro mañá (día 11 ás 21 horas no Teatro Lauro Olmo) non sabemos de que falará pero a historia e o viño seguro que estarán presentes nas súas lembranzas.

O CRISTO E A VENDIMA: V FESTA DA VENDIMA NO 1989
do-valdeorras-3 As festas do Cristo tamén tiveron como protagonista ao viño e a vendima nalgúns anos de celebración. Atopamos no programa de festas do ano 1989 a 5ª Festa da Vendima con stands para degustar o viño, a ofrenda do primeiro mosto ao Cristo, conferencias e catas comentadas. Sen esquecer o concurso ao mellor acio de godello e mencía.

OS ANUNCIOS DO VIÑO NO PROGRAMA DE FESTAS DE O CRISTO
do-valdeorras-2 do-valdeorras-1 No programa de festas tamén colaboran cada ano as adegas e cooperativa da vila. Un exemplo atopámolo no anuncio do ano 1967 da Adega Cooperativa “Jesús Nazareno” do Barco que na actualidade está cumprindo os seus 50 anos de vida. Naquel anuncio tiña como lema “Cuando pida vino pida… Barco” que nos pode lembrar ao actual lema da campaña da DO Valdeorras “Comparte un Valdeorras”.

Todas estas lembranzas non sería posible amosalas sen xente como Aurelio Blanco Trincado e os compoñentes do IEV (Instituto de Estudios Valdeorreses) que se dedican a gardar documentos que co paso do tempo amosan a historia da nosa comarca.

[arriba]

Novas Anteriores