30 Nov 2022

Aprobados os censos provisionais para a renovación do órgano de goberno do Consello Regulador

O Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras aprobou esta mañá os censos provisionais para a renovación do órgano de goberno do organismo de cara aos comicios que terán lugar o 19 de febreiro de 2023. Estes censos van estar a disposición dos interesados na sé do Consello e aqueles que queiran contar cunha copia dos documentos deberán solicitala á Xunta Electoral.

Os censos provisionais enviaranse tamén ás oficinas de Extensión Agraria da Rúa e do Barco, á Delegación da Consellería do Medio Rural en Ourense e á sé de Agacal en Santiago. O prazo de exposición das listaxes nominais provisionais abranguerá entre o 2 e o 14 de decembro, data esta última na que expira o prazo para realizar calquera reclamación ao respecto.

Xunto a isto, o 21 de decembro establécese como data límite para resolver as reclamacións por parte do Consello Regulador e dous días máis tarde, o 23, comezará o prazo para a presentación de candidaturas, que remata o 5 de xaneiro. A exposición dos censos, xa definitivos, fíxase tamén para ese mesmo día 5 de xaneiro.

Adicionalmente, o 12 de xaneiro efectuarase a proclamación provisional de candidaturas e o sorteo de mesas e o 17 de xaneiro finaliza o prazo para as posibles reclamacións destas candidaturas, que serían resoltas como moi tarde o 20 dese mes. Finalmente, sete días despois, o 27 de xaneiro, a Xunta Electoral realizará a proclamación de candidaturas definitivas. Éstas poden chegar a acordos entre si ata o día 2 de febreiro e a campaña comezaría ao día seguinte, na xornada do 3 de febreiro.

Tras as eleccións, o 19 dese mesmo mes, conformaríase o novo Pleno nunha data comprendida entre o 27 de febreiro e o 10 de marzo.

Os comicios terán lugar o vindeiro 19 de febreiro

Sobre os censos provisionais
Tal e como quedou aprobado hoxe, dunha banda, establécese un censo A para o sector produtor que está conformado por dous subcensos: o A1, integrado por aqueles viticultores que teñan achegado ao Consello Regulador un maior volume económico en concepto de cotas por actividade nos últimos tres anos naturais; e o A2, composto polo resto de viticultores (os que non voten ao abeiro do censo C, relativo ás cooperativas).

Ao tempo, establécese un censo B para o sector industrial, constituído polos titulares de adegas inscritas nos rexistros da denominación, composto tamén por dous subcensos: o B1, no que figurarán as adegas cun maior volume económico en concepto de cotas destinadas ao Consello Regulador durante os últimos tres anos naturais; e o B2, conformado polo resto de adegas (non cooperativas).

Finalmente, haberá un censo C correspondente ao sector cooperativo, constituído polas persoas titulares de viñedos inscritos no Rexistro de Viñas do Consello Regulador que sexan socias dalgunha cooperativa que sexa, pola súa banda, titular dalgunha adega inscrita na denominación de orixe, a través da cal transformen a uva e comercialicen o viño, así como polos titulares das ditas adegas de base cooperativa.

Neste censo C tamén figurarán as sociedades cooperativas que sexan titulares de viñedos ou adegas nos que a maioría de participacións pertenzan directa ou indirectamente a sociedades cooperativas da denominación.

Número de vogais
Ao censo A corresponderanlle tres vogais (dous para o subcenso A1 e un para o A2); ao censo B tamén se lle asignarán tres vogais (dous para o subcenso B1 e un para o B2). Por último, ao censo C correspóndenlle dous vogais. Deste xeito, o pleno quedaría conformado por oito vogais e un presidente ou presidenta. É dicir, un total de nove persoas.

Imaxe das eleccións do ano 2017, na Rúa

 

 

 

[arriba]

Novas Anteriores