A Feira do Viño de Valdeorras terá un transporte especial, o Valdeorras Expreso
A XVIII edición da Feira do Viño de Valdeorras abrirá as súas portas este sábado día 11 na Praza de Viloira de O Barco. Este ano para chegar desde o centro da vila barquense á praza haberá un transporte especial: o tren Valdeorras Expreso. Un tren turístico que estará funcionando toda a fin de semana con paradas na zona do pavillón polideportivo de Calabagueiros, diante do hospital comarcal, na Praza do Concello e finalmente na Praza de Viloira. As viaxes serán gratuítas e os visitantes poderán subirse a el tanto na ida como para a volta. Haberá viaxes cada media hora e estará funcionando no horario de apertura da feira.
A XVIII Feira do Viño de Valdeorras está pensada para que sexa “un acto lúdico festivo de exposición dos viños desta comarca” así describe esta nova edición o presidente do Consello Regulador, José Vicente Solarat. A feira celebrarase este ano na Praza de Viloira de O Barco os días 11 e 12 de xullo e nela participarán 16 adegas.