XXVII Cata dos Viños de Galicia
Valdeorras ten o mellor viño tinto de Galicia. Os godellos gañan os tres premios da denominación
Un viño de mencía de Valdeorras foi elixido como o mellor viño tinto do territorio galego polos catadores da XXVII edición da Cata de Viños de Galicia. A adega ruesa Quinta da Peza co seu viño Quinta da Peza mencía foi o gañador e así se daba a coñecer onte na entrega de premios que se realizou no Hostal dos Reis Católicos en Santiago coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.
Os premios Cata de Viños de Galicia outórganse anualmente dende a Consellería de Medio Rural e do Mar aos mellores viños e augardentes de todo o territorio galego. Establece tres premios por cada unha das denominacións: Acio de Ouro, Prata e Bronce. No caso da Denominación de Orixe Valdeorras os tres premios recaeron en tres godellos:
* Acio de Ouro: Hacienda Ucediños godello da Bodega Eladio Santalla Paradelo de O Barco.
* Acio de Prata: Godeval godello das Bodegas Godeval de O Barco
* Acio de Bronce: A Coroa godello da Adega A Coroa de A Rúa