08 Xul 2015

Xornada formativa EVEGA na XVIII Feira do Viño de Valdeorras

SONY DSC

A nova normativa europea esixe catadores máis formados e paneis de cata homologados.

A xornada formativa da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) Acreditación dun panel de cata de viños. A norma UNE-EN-ISO/IEC 17025” realizouse onte, 7 de xullo, nas instalacións do edificio multiusos de O Barco. A ela asistiron unhas 70 persoas entre asesores, enólogos, técnicos de denominacións, adegueiros e sumilleres.  Os conferenciantes explicaron os requisitos e problemáticas que xorden no proceso de adaptación á nova normativa que está en marcha. Ata o momento a maioría dos paneis de cata están formados por profesionais do mundo do viño e algúns representantes do consumidor final que catan en base á experiencia acumulada pola súa formación ou cursos  de cualificación que se impartiron no seu momento; agora coa nova normativa terán que contar cunha formación máis específica e un programa de reciclaxe que lles permita estar máis ao tanto de todas as características a catar nun viño segundo uns pregos de condicións establecidos previamente en cada consello. Nesas normas a redactar con anterioridade terán que consensuar e unificar os criterios a cumprir no momento da cata, na que os membros do panel xa non descalificarán viños senón que darán puntuacións que finalmente interpretará un xefe de cata en base aos resultados estatísticos e ás condicións establecidas previamente.

En base a este tema interviron unha serie de conferenciantes que trataron de aclarar dúbidas e explicar as normas a cumprir. O primeiro  foi Antonio Tomás Palacios, enólogo e profesor asociado da Universidade da Rioxa, co tema “A avaliación dos catadores: requisitos para formar parte dun panel de cata de viños acreditado; os paneis de cata profesionais”. En segundo lugar falou a directora técnica do Consello Regulador da DO Ribeiro, Beatriz Soto González, acompañada polo director técnico do Consello Regulador da DO Valdeorras, Jorge Mazaira. O tema a tratar foi “A problemática da acreditación nos consellos reguladores galegos”. A técnico do departamento de análise sensorial da empresa Consumolab, Rosa Sanjuán, foi a encargada de expoñer “Dificultades dos paneis de cata (segundo a Norma UNE-EN-ISO/IEC 17025)  no contexto da acreditación dos consellos reguladores”. Puxeron punto e final á xornada cunha mesa redonda na que falaron todos os conferenciantes e que levaba por título “Dificultades para a acreditación dun panel de cata”.

SONY DSC

Beatriz Soto e Jorge Mazaira

 

Na clausura desta actividade estiveron presentes o director da EVEGA, Juan Casares, o alcalde de O Barco, Alfredo García e o presidente do Consello Regulador de Valdeorras, José Vicente Solarat. Todos eles agradeceron a presenza dos conferenciantes e asistentes nun tema de gran importancia para o sector da viticultura.

SONY DSC

Mesa redonda con todos os conferenciantes

[arriba]

Novas Anteriores