/* */ Xabier Fortes será o pregoeiro da XXV Feira do Viño de Valdeorras
02 Mai 2024

Xabier Fortes será o pregoeiro da XXV Feira do Viño de Valdeorras

Fotografía: Brais Lorenzo

Natural de Pontevedra, o xornalista leva moitos anos vinculado a TVE e é un dos rostros máis coñecidos dos espazos informativos da televisión pública

O xornalista e presentador Xabier Fortes vai ser o pregoeiro da XXV edición da Feira do Viño de Valdeorras, nun acto que se desenvolverá na Praza de Viloira durante a mañá do sábado 1 de xuño. A lectura do seu pregón terá lugar inmediatamente antes da inauguración oficial do foro no que, previsiblemente e como é habitual, participarán representantes institucionais de diferentes administracións.

Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Navarra, Fortes -que é natural de Pontevedra- leva moitos anos vinculado profesionalmente a TVE, se ben antes desenvolveu a súa carreira en Radio Nacional de España. Na actualidade, é un dos rostros máis relevantes dos espazos informativos da televisión pública.

“Estamos expectantes por escoitar o pregón de quen, sen dúbida, é un dos xornalistas galegos máis recoñecidos en todo o país”, sinala o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, ao respecto da elección de Fortes como pregoeiro.

O programa de actividades da XXV edición da Feira do Viño de Valdeorras, que este ano se adianta a xuño, darase a coñecer proximamente nunha rolda de prensa conxunta na que participará o presidente do Consello Regulador xunto ao alcalde do Barco de Valdeorras.

[arriba]

Novas Anteriores