05 Feb 2024

Viños de 15 adegas valdeorresas poden degustarse dende hoxe e ata o mércores nunha nova edición da Barcelona Wine Week

A Barcelona Wine Week, que hoxe arrinca na cidade condal, estase a consolidar como unha das citas de referencia do sector do viño no noso país. Por este motivo, o Consello Regulador volve participar, tras a experiencia do ano pasado, neste foro cun espazo expositor propio no que poderán degustarse 26 marcas de viño de 15 adegas da comarca.

Na edición deste ano participarán preto de 1.000 expositores, segundo fixo público a organización da feira, unha cifra récord nunca antes acadada que evidencia o interese crecente dos actores ligados ao eido do viño por participar nun foro que se prolongará ata o vindeiro mércores.

Aqueles que visiten o stand da D.O. no foro poderán probar ata 26 referencias distintas

Un programa con contido divulgativo
“Estamos orgullosos de ser unha das 73 denominacións de orixe que participa neste foro”, sinala o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos. “Amais de poder achegar os nosos brancos e tintos a diferentes prescritores e públicos especializados, este salón signíficase especialmente por contar cun programa divulgativo moi interesante que inclúe clases mestras e relatorios sobre as últimas tendencias do eido do viño ou sobre cuestións que afectan ao noso ámbito de actividade como pode ser a procura dun modelo de produción cada vez máis sostible”, destacou o máximo responsalbe da D.O. Valdeorras.

 

[arriba]

Novas Anteriores