19 Mai 2023

Viños de 14 adegas de Valdeorras daranse a coñecer en Madrid no marco dun acto promovido polo Consello Regulador en Colaboración con Verema

Ata 26 referencias de brancos e tintos da D.O. poderán degustarse no neste evento, que terá lugar o vindeiro luns 22 de maio no Hotel The Westin Palace da capital de España, emprazado na Praza das Cortes

Baixo o lema Esperta os teus sentidos: Experiencia Verema 2023. A cata de viños que non te podes perder, o Consello Regulador da D.O. Valdeorras promove este luns no Hotel The Westin Palace, emprazado na Praza das Cortes da capital de España, unha degustación de viños do territorio amparado co fin de promocionalos entre diferentes tipos de público e, de xeito particular, entre prescritores especializados tales como distribuidores, sumilleres ou xornalistas de medios centrados no eido da enoloxía.

Un total de 26 referencias de brancos e tintos de Valdeorras, procedentes das 14 adegas participantes na iniciativa, daranse a coñecer neste evento promovido polo Consello Regulador en colaboración con “Experiencia Verema”, que se celebrará entre as 12.00 e as 21.00 horas do vindeiro día 22.

Unha axenda promocional que se intensifica
“Proseguimos a axenda de actos promocionais aprobada dende o Pleno do Consello Regulador con esta iniciativa en Madrid, un territorio no que cada vez teñen máis prestixio e peso comercial os nosos viños”, resalta José Ramón Rodríguez Castellanos, presidente do C.R.D.O. Valdeorras. “Facémolo da man de Verema, entidade que aglutina unha das comunidades de aficionados ao viño e á gastronomía mais representativas do mundo de fala hispana, con máis de 75.000 usuarios rexistrados”, engade.

Ao tempo, José Ramón Rodríguez Castellanos destaca que a actividade promocional dos viños do territorio amparado por parte do Consello Regulador vaise intensificar na segunda metade do ano e que terá na Feira do Viño, que se celebrará a comezos de xullo no Barco de Valdeorras, “un dos seus actos centrais”.

[arriba]

Novas Anteriores