Viño, lousa e comercio unidos no Nadal para promocionar Valdeorras
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras únese á campaña de Nadal da Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA) para levar a cabo varias accións promocionais. Este Nadal nos comercios da comarca sortearanse 30 estoxos de viño de Valdeorras e nos seus escaparates haberá decoración na que estarán presentes as botellas coa etiqueta xenérica do Consello Regulador.
A esta campaña de Nadal tamén se une a Asociación Galega de Pizarristas (AGP) e o Centro Comercial Aberto do Barco, O Barco Aberto. O seu o lema é “Por aquilo que nos une: Valdeorras únenos e xuntos somos máis. Brindamos por elo?” e queren destacar a unión do sector produtivo da comarca: comercio, viño e lousa.
O viño un dos piares económicos da comarca
O acordo entre AEVA e Consello Regulador ten como obxectivo por en valor un dos piares económicos da comarca como é o viño. O presidente do Consello Regulador, José Vicente Solarat, destacou que este tipo de accións serven para “divulgar na comarca o peso da viticultura e o traballo do Consello Regulador. Temos esta oportunidade estando presentes en máis dun cento de locais comerciais de Valdeorras”. Explicou que para levar a cabo a campaña contan ademais coa colaboración da Deputación de Ourense a través dunha achega económica de 50.000 € anuais, nun proxecto a catro anos, cantidade que se dedicará á promoción dos viños da DO Valdeorras. O presidente do Consello entende que “esta achega económica ten que servir para promocionarnos e reverter na comarca parte desa axuda”.
Programa da campaña de Nadal “Por aquilo que nos une”
- Decoración de establecementos: Cada un dos 114 establecementos participantes exporá no seu escaparate un metacrilato tamaño A3, cun cartel representativo da campaña, 1 base de lousa e unha botella de viño con contraetiqueta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.
- Sorteo 30 estoxos de viño de Valdeorras: Os locais repartirán rifas entre os seus clientes. Os sorteos celebraranse os días 22 de decembro -10 estoxos-, 30 de decembro-10 estoxos- e 8 de xaneiro de 2016 -10 estoxos-.
- Actividades de animación comercial: O grupo Os Bertolini, de Manzaneda, animará as rúas os sábados, o día 26 de decembro en O Barco e 2 de xaneiro en A Rúa, en horario de 17:00 a 20:00 horas
- Para facilitar as compras, os establecementos abrirán os sábados pola tarde os días 12, 19 e 26 de decembro e 2 de xaneiro.
Entidades colaboradoras:
- Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras
- Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA)
- O Barco Aberto Centro Comercial
- Asociación Galega de Pizarristas (AGP)
Soledad Figueroa