Valencia, segunda parada promocional do ano para os viños da D.O. Valdeorras
Tras un primeiro acto promocional dos brancos e tintos do territorio amparado valdeorrés na Barcelona Wine Week, a principios deste mes de febreiro, os viños da comarca achéganse agora ata Valencia para darse a coñecer nunha degustación organizada baixo o paraugas da marca “Experiencia Verema” en colaboración con Consello Regulador.
Un total de 16 adegas de Valdeorras amosan os seus produtos neste escaparate promocional, no que os visitantes poden degustar ata 28 referencias da zona: 18 brancas (godellos todas elas) e 10 tintas.
“A través desta iniciativa, apostamos por afianzar a nosa presenza no mercado levantino e facémolo da man de Verema, entidade que aglutina unha das comunidades de aficionados ao viño e á gastronomías máis representativas do mundo de fala hispana, con máis de 100.000 usuarios rexistrados”, sinala José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador.