02 Mai 2014

Valdeorras rinde homenaxe ao pai do Godello: Horacio Fernández Presa

horacio-fernandez-presaO acto  celebrarase  o 23 de maio na Casa Grande de Viloira (O Barco) coa colaboración do Consello Regulador de Valdeorras

Un grupo de persoas da comarca de Valdeorras está organizando unha  homenaxe á figura de Horacio Fernández Presa, antigo xefe da Área Valdeorras-Trives  da Oficina Agraria Comarcal (antes coñecida como Axencia de Extensión Agraria de O Barco), impulsor do plan REVIVAL (Reestruturación de Viñedos de Valdeorras), cofundador da adega Godeval  e un viticultor defensor da comarca valdeorresa durante toda a súa vida. Horacio Fernández Presa faleceu o 17 de maio de 2013 e ao cumprirse un ano da súa desaparición intentan manter vivo o espírito de traballo do coñecido por moitos como “pai do godello” pola posta en marcha do plan REVIVAL para recuperar variedades autóctonas na comarca, entre elas a godello. Unha variedade que a finais dos setenta, cando se puxeron en marcha os traballos de recuperación, estaba case desaparecida e que hoxe goza de prestixio e recoñecemento en todo o mundo.

Horacio-Medalla-Galicia-año-1999

Este recordo á súa vida e traballo celebrarano na Casa Grande de Viloira (O Barco) na Sala Julián Trincado, o día 23 de maio ás 20:30 horas. A homenaxe  contará ademais cun cóctel no que estarán presentes viños de varias adegas inscritas na Denominación de Orixe Valdeorras. Están á venda entradas, ao prezo de 10€/persoa, dispoñibles na Oficina Agraria Comarcal (Casa Grande de Viloira), nas oficinas dos sindicatos agrarios colaboradores (Unións Agrarias, Asaja e Sindicato Labrego Galego) na comarca e na sede do  Consello Regulador de Valdeorras en Vilamartín. Tamén está aberto un número de conta para que aqueles que se atopan fora da comarca poidan reservar as súas entradas  ingresando o seu  valor no número de conta: ES3600310051981120000308 do Banco Etcheverría  (oficina de O Barco) e despois enviando o xustificante e os seus datos persoais  ao correo electrónico: valdeorrasesvino@gmail.com. Ademais admítense doazóns nese número de conta para financiar o acto e outras actividades próximas. Os doantes recibirán recoñecemento público o día da homenaxe, salvo que indiquen o contrario.

UNHA HOMENAXE E ALGO MÁIS

O acto está sendo organizado por un grupo de persoas relacionadas co sector vitícola e coa vida social, política e cultural da comarca. Entre eles está o presidente do Consello Regulador, José Luís García Pando, ademais de representantes de adegas , dos sindicatos agrarios, dunha asociación cultural, de agrupacións políticas e un guía enoturístico.  Pretenden que este acto sexa o punto de partida para crear unha asociación e a través dela organizar outras actividades relacionadas coa viticultura, entre as que se atopan a idea de crear  un premio de viticultura que levará o nome de Horacio Fernández Presa. Estas actividades aínda están tomando forma e seguirán informando delas nas próximas semanas.

Horacio-en-el-año-1997-en-su-jubilación

BIOGRAFIA HORACIO FERNÁNDEZ PRESA

Nacido en Armunia (León) en 1932, Horacio Fernández Presa ingresou en 1966 no Servizo de Extensión Agraria da Comarca de Valdeorras como xefe de área, comezando unha apaixonada relación co mundo do viño. Na busca de alternativas á situación da viticultura da zona creou no  ano 1974, en colaboración co enólogo Luís Hidalgo, o Programa REVIVAL: Reestruturación de Viñedos de Valdeorras, o seu obxectivo era a recuperación da variedade autóctona Godello, que entón estaba en extinción xa que ocupaba apenas un 0,05% respecto ao resto das variedades da zona.

Horacio Fernández Presa deixou o seu posto na Oficina Agraria Comarcal no ano 1997  por xubilación e continuou ligado ao mundo do viño a través da adega Godeval que el cofundou cun grupo de amigos. Faleceu o 17 de maio de 2013 á idade de 81 anos.

RECOÑECEMENTOS AO SEU TRABALLO

Ao longo da súa vida recibiu numerosos premios e recoñecementos. Os máis destacados son a Medalla ao Mérito Agrícola e a Medalla de Bronce de Castelao. A súa Maxestade o Rei D. Juan Carlos, en recoñecemento á labor realizada en Extensión Agraria, condecorou a Horacio Fernández en 1978 coa Medalla ao Mérito Agrícola. En 1999, a Xunta de Galicia outorgoulle a Medalla de Bronce de Castelao polos traballos de recuperación da variedade Godello.

[arriba]

Novas Anteriores