28 Xuñ 2019

Valdeorras multiplicou por dous o número de actos promocionais dos seus viños no último ano

O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras asegurou hoxe, durante a rolda de prensa de presentación da XXII Feira do Viño da comarca, que o organismo que preside multiplicou por dous o número de actos promocionais dos viños amparados no último ano. “Á presenza nas feiras de Londres ou Burdeos, cómpre sumar os eventos e túneles do viño realizados en cidades tan diversas como Santander, San Sebastián, Xixón, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol ou Madrid”, asegurou.

“Iniciativas promocionais de índole tradicional que complementamos con outras máis innovadoras coma o respaldo que outorgamos ao SilFest; a viaxe organizada para un grupo de xornalistas especializadas en viño e bloggers  ou o patrocinio da actividade Valdeorras: denominación de cine, que posibilitará promocionar  potencial vitivinícola da comarca grazas á posta en marcha dun concurso de curtametraxes”, sinalou tamén García Pando. Ademais, “a partir do vindeiro luns articularemos unha campaña promocional dos nosos viños en traseiras dos buses urbanos de Vigo e tamén nos interurbanos que conectan a cidade olívica con Madrid”, engadiu.

O presidente do Consello Regulador e o alcalde do Barco presentaron hoxe a XXII Feira do Viño de Valdeorras, que se celebrará os vindeiros 13 e 14 de xullo no Barco

Potente escaparate
Porén, tal e como asegurou García Pando na rolda de prensa desta mañá, na que tamén participou o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, a Feira do Viño adoita ser o meirande escaparate anual dos viños da comarca, posto que posibilita a chegada de visitantes de todos os recunchos.

A XXII edición da Feira celebrarase na praza barquense de Viloira os vindeiros 13 e 14 de xullo e contará coa participación de 21 adegas (unha máis que en 2018). O presidente do Consello Regulador quixo agradecer moi especialmente a implicación destas adegas. “A súa participación é fundamental para que sexa un éxito e se consolide, ano tras ano, como un verdadeiro escaparate promocional dos nosos viños”, considerou o presidente do Consello Regulador, quen indicou que durante os dous días que dure a Feira “Valdeorras converterase, un ano máis, no epicentro festivo da provincia de Ourense”.

Horarios e actividades paralelas
O acto inaugural terá lugar o sábado 13 pola mañá e o recinto feiral permanecerá aberto en horario de 12,30 a 14,30 horas e de 19,30 a 23,00 horas. Como é habitual, a feira contará cun programa completo de eventos paralelos.

Ao igual que en anos anteriores, con anterioridade á feira celebrarase na sede do Consello Regulador unha cata profesional, na que participan 16 adegas, e o domingo entregaranse os premios ao viños gañadores deste certame oficial.

Paralelamente, ao longo das dúas xornadas haberá actuacións musicais e actividades dirixidas aos cativos. Tamén se porá en marcha de novo o tren Valdeorras Expreso para facilitar os desprazamentos de ida e volta ata o recinto feiral. O percorrido comprende saídas desde o polideportivo, pasando polo hospital e a praza do Concello ata chegar á praza de Viloira.

Cartel ilustrador
O cartel ilustrador da feira xoga este ano –segundo García Pando- “con elementos xeométricos, que nos evocan ao cubismo”. Ao mesmo tempo, “integra elementos curvos que evocan copas e botellas e xoga con texturas nalgunha parte da composición gráfica para axudar a crear volume na composición”, engadiu.

“Optouse por colocar a gráfica no medio do cartel para axudar a crear una lectura en bloque. Así, na parte superior lese a edición da feira e na inferior resólvese a data e o lugar de realización do foro, todo isto nun espazo moi xenerosos para contribuír a unha lectura áxil e rápida”, finalizou o presidente do CRDO Valdeorras.

Adegas participantes
As adegas participantes na XXII Feira do Viño Valdeorras son as seguintes:

BODEGA
1 ADEGA A COROA S.A.T.
2 ADEGA O CEPADO S.L.
3 S.A.T. ALAN (Alán de Val)
4 BODEGA COOP. JESÚS NAZARENO S.C.G.
5 BODEGA COOP. VIRGEN DE LAS VIÑAS S.C.G.
6 BODEGAS GODEVAL S.L.
7 HACIENDA UCEDIÑOS S.L.
8 FELIPE MAYO ALONSO
9 GUITIÁN Y BLANCO S.C. (D’Berna)
10 JOAQUÍN REBOLLEDO S.A.
11 Mª TERESA NÚÑEZ VEGA
12 ADEGA MELILLAS E FILLOS S.L.
13 S.A.T. ADEGA O CASAL
14 QUINTA DA PEZA S.L.
15 BODEGA ROANDI S.L.
16 BODEGAS RUCHEL S.L.
17 BODEGAS SAMPAYOLO S.L.
18 SANTA MARTA S.A.T.
19 VIÑA COSTEIRA S.C.G
20 VIRGEN DEL GALIR S.L.
21 ADEGA DA PINGUELA S.L.
[arriba]

Novas Anteriores