Valdeorras entra no club das denominacións de orixe acreditadas por ENAC
O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras anunciou hoxe, durante a rolda de prensa de presentación da XXI Feira do Viño da comarca, que o organismo que preside “entra no club das denominacións de orixe acreditadas por ENAC”. Segundo destacou García Pando, para lograr esta acreditación foi fundamental “o traballo colectivo de todo o sector do viño na comarca, especialmente do órgano de calidade do Consello Regulador e das adegas, que tiveron que adaptarse á norma”.
A acreditación ENAC permitirá asegurar que detrás de cada botella de viño de Valdeorras existe un estrito control de calidade e plena seguridade xurídica. O organismo que preside García Pando comezara en 2012 cos traballos de adaptación para a acreditación ENAC, que vén esixida pola UE.
Xunto a isto, na rolda de prensa de hoxe abordouse o desenvolvemento da XXI Feira do Viño de Valdeorras, que se celebrará na praza barquense de Viloira os vindeiros 14 e 15 de xullo e contará coa participación de 20 adegas da comarca. Segundo revelou hoxe García Pando, está previsto que a conselleira do Medio Rural participe no acto de inauguración da feira.
O presidente do Consello Regulador quixo agradecer moi especialmente a implicación das adegas que fan posible a celebración da feira. “A súa participación é fundamental para que sexa un éxito e se consolide, ano tras ano, como un verdadeiro escaparate promocional dos nosos viños”, considerou o presidente do Consello Regulador, quen indicou que durante os dous días que dure a Feira “Valdeorras converterase no epicentro festivo da provincia de Ourense”.
Así o anunciou o presidente do Consello Regulador durante a rolda de prensa de presentación da XXI Feira do Viño de Valdeorras, na que participan 20 adegas da comarca
Horarios e actividades paralelas
O acto inaugural terá lugar o sábado 14 pola mañá e o recinto feiral permanecerá aberto en horario de 12,30 a 14,30 horas e de 19,30 a 23,00 horas. A feira contará cun programa completo de eventos paralelos. Ao igual que en anos anteriores, con anterioridade á feira celebrarase na sede do Consello Regulador unha cata profesional e domingo entregaranse os premios ás bodegas gañadoras neste certame oficial.
Xunto a isto, os días 12 e 13 celebrarase a terceira edición a Ruta dos Pinchos de Valdeorras, que o Consello Regulador porá en marcha en colaboración co Concello do Barco, con AEVA e co centro comercial aberto do Barco. Participan nesta iniciativa un total de 15 establecementos da zona.
Paralelamente, ao longo das dúas xornadas haberá actuacións musicais e actividades dirixidas aos cativos. Tamén se porá en marcha de novo o tren Valdeorras Expreso para facilitar os desprazamentos de ida e volta ata o recinto feiral. O percorrido comprende saídas desde o polideportivo, pasando polo hospital e a praza do Concello ata chegar á Praza de Viloira.
Cartel ilustrador
O cartel ilustrador da feira adapta a última campaña promocional do Consello Regulador que, baixo o lema “Un brinde de sensacións”, xoga coas dúas cores predominantes nas principais variedades de uva na comarca (godello e mencía). As pingas transmiten fluidez e axudan ao ollo a definir o concepto dunha copa abstracta de viño. Cada pinga representa ás uvas brancas e tintas coidadas con esmero, que son protagonistas dos excelentes viños valdeorreses e que estalan no padar en forma de mil sensacións diferentes
Adegas participantes na Feira
A continuación, detallase o nome das 20 adegas participantes na XXI edición da Feira do Viño de Valdeorras:
1 | ADEGA A COROA S.A.T. |
2 | ADEGA O CEPADO S.L. |
3 | ADEGA ALÁN S.A.T. |
4 | BODEGA COOP. JESÚS NAZARENO S.C.G. |
5 | BODEGA COOP. VIRGEN DE LAS VIÑAS S.C.G. |
6 | BODEGAS GODEVAL S.L. |
7 | ELADIO SANTALLA PARADELO C.B |
8 | FELIPE MAYO ALONSO |
9 | GUITIÁN Y BLANCO S.C. |
10 | JOAQUÍN REBOLLEDO S.A. |
11 | Mª TERESA NÚÑEZ VEGA |
12 | ADEGA MELILLAS E FILLOS S.L. |
13 | S.A.T. ADEGA O CASAL |
14 | QUINTA DA PEZA S.L. |
15 | BODEGA ROANDI S.L. |
16 | BODEGAS RUCHEL S.L. |
17 | BODEGAS SAMPAYOLO S.L. |
18 | SANTA MARTA S.A.T. |
19 | VIÑA COSTEIRA S.C.G |
20 | VIRXEN DE GALIR S.L. |