29 Xuñ 2015

SONY DSC

 

A Denominación de Orixe Valdeorras recibiu un premio na primeira edición dos Cantábrico Excelente en recoñecemento a un organismo que ampara viños que están entre os mellores de España e que exporta a todo o mundo, tal e como explicaron dende a organización do evento. O acto de entrega realizouse na cidade de Oviedo, o pasado venres día 26 de xuño, e a el asistiron personalidades do mundo social, económico, empresarial e cultural do arco cantábrico. A filosofía destes galardóns creados por Suplementos e Monográficos, S.L., e que xa conta con iniciativas similares en Andalucía e Mediterráneo, é achegar aos cidadáns o traballo de empresas e profesionais de diferentes sectores que destacaron no seu labor. Para iso articularon 24 categorías dende o ámbito científico ao social. Os premiados deste ano asistiron á gala no Hotel de La Reconquista onde estiveron presentes os viños da D.O. Valdeorras tanto no cóctel de recepción dos convidados coma na cea de entrega de premios.

 

Agradecemento en nome de 1.471 viticultores e 45 adegas.

O Presidente do Consello Regulador Valdeorras, José Vicente Solarat, recibiu o premio agradecéndoo “en nome dos 1.471 viticultores e as 45 adegas que en apenas 1.100 hectáreas repartidas en 10.048 parcelas, conseguen elaborar o equivalente a 30 millóns de copas de viño ao ano e para todo o mundo”. Ademais Solarat no seu discurso explicou que “esta reducida e singular produción se obtén grazas ao bo facer das nosas adegas que tratan de forma maxistral a uva, unha vez recibida dos viticultores, que se desenvolve en chans e clima únicos”. Para o presidente do Consello Regulador Valdeorras é un “territorio onde o viño é cultura e o viño é vida”, finalizando a súa intervención engadindo que “Valdeorras, na provincia de Ourense, é a única de Galicia que non ten mar pero dende hoxe ten todo un Cantábrico”.

Entre os premiados deste 2015 estiveron a organización non gubernamental Mensajeros da Paz co premio Solidariedade, ademais de empresas galegas como Sogama, Instituto Médico Arriaza e Abanca, entre outras.

 

[arriba]

Novas Anteriores