13 Out 2022

Valdeorras conclúe o tempo de vendima con algo mais de 6,5 millóns de quilos de uva recollidos

Tras mes e medio de traballo, a campaña da vendima 2022 conclúe en Valdeorras con máis de 6,5 millóns de quilos de uva recollidos, o que permitirá producir arredor de 4,5 millóns de litros de viño segundo estiman os técnicos do Consello Regulador.

Ao igual que en anos anteriores, a variedade godello volve ser a máis abundante na denominación de orixe, con preto de 4,3 millóns de quilos de uva producidos. Tras ela, por orde de relevancia, sitúanse a mencía (case 1,3 millóns de quilos), a garnacha tintorera (algo máis de 513.000 quilos) e a variedade palomino fino (284.778 quilos).

En menores cantidades e en sentido decrecente temos a variedade sousón (40.531 quilos); a tempranillo (26.334 quilos); a albarello (8.209 quilos); a merenzao (6.914 quilos); caíño tinto (2.594 quilos); dona branca (2.505 quilos) e gran negro (363 quilos).

 A variedade godello volve ser a raíña no territorio amparado e a súa produción achégase aos 4,3 millóns de quilos

Gran calidade
Para o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, o dato cuantitativo “é mellor do agardado inicialmente” posto que as previsións fixaban que a produción rondaría os 5,5 millóns de quilos, debido ás xeadas que houbo no mes de abril coincidindo coa brotación da uva.

Porén, García Pando quixo enfatizar que máis relevante que a cantidade recollida é a calidade da uva, e “de novo, en Valdeorras, estamos ante unha campaña óptima nese sentido, con uvas que nos permitirán elaborar viños brancos e tintos que seguirán a ser referente para todo tipo de padais”.

 

 

 

 

[arriba]

Novas Anteriores