22 Ago 2022

Valdeorras comeza mañá os traballos de vendima na campaña de 2022

O territorio amparado valdeorrés comezará mañá oficialmente a vendima deste ano coas tarefas de recollida da uva na adega Godeval, emprazada no Barco de Valdeorras. Ao día seguinte, mércores, será a quenda de Valdesil, adega situada no municipio de Vilamartín de Valdeorras, quen comece os traballos de vendima. “A deste ano na comarca é unha das vendimas máis temperás dos últimos anos”, sinala José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, quen adianta que os traballos se completarán en todo o territorio amparado “ao longo dos seguintes dous meses aproximadamente”.

Trátase dunha das vendimas máis temperás dos últimos anos no territorio amparado

O obxectivo é igualar ou mesmo superar os excelentes niveles de calidade obtidos o ano pasado, así como superar os cinco millóns de quilos de uvas recollidos. “De novo a godello seguirá sendo a uva máis abondante da nosa denominación de orixe, pois tense convertido no auténtico buque insignia do territorio amparado”, salienta García Pando.

Co inicio das tarefas de recolección e procesado da uva, Valdeorras convértese no primeiro territorio amparado de Galicia en comezar oficialmente a vendima este ano.

 

[arriba]

Novas Anteriores