07 Xuñ 2015

Valdeorras busca promocionar os seus viños con proxectos realizados en colaboración coa Deputación de Ourense

reunion.manuel.baltar.cos.xerentes.das.D.O.03

O presidente do Consello Regulador de Valdeorras, José Vicente Solarat, participou esta semana nunha reunión de responsables de consellos reguladores do viño en Ourense co presidente da Deputación, Manuel Baltar. Foi un contacto máis dos que mantén  cos titulares das denominacións vitivinícolas “para analizar estratexias e proxectos de promoción e dinamización deste importante sector económico”.

A potenciación do enoturismo en xeral e en concreto das rutas do viño das catro denominacións de orixe de Ourense, ademais de reforzar os soportes informáticos e incidir na promoción conxunta, foron os principais obxectivos deste encontro. A reunión foi  na sede da Denominación de Orixe Ribeiro, asistindo o seu presidente, Miguel Ángel Viso; Antonio Ángel Méndez, de Monterrei; Vicente Solarat, de Valdeorras, e José Manuel Rodríguez, de Ribeira Sacra.

Manuel Baltar aproveitou o encontro para solicitar aos presidentes  os proxectos nos que estean traballando para incluílos nos presupostos de 2016, que se aprobarán no mes de setembro.  José Vicente Solarat considera positivo establecer “un calendario conxunto de obxectivos e actuacións para este ano e o próximo“.

O presidente da Deputación  e os responsables dos consellos reguladores seguirán mantendo estas reunións co fin de planificar estratexias de promoción, modernización tecnolóxica e actividades relacionadas coa promoción nas denominacións de orixe da provincia.  A próxima celebrarase en Valdeorras durante os meses de verán.

Comercialización e Feira  Vinis Terrae

Ademais, valorouse moi positivamente o  portal web “Enourense”, de comercialización para as adegas das catro denominacións e a Feira Vinis Terrae. O presidente da Deputación confirmou que o ente provincial “seguirá apoiando ás feiras e eventos relacionados coas catro denominacións de orixe da nosa provincia, iniciativa enmarcada na colaboración en materia de promoción, innovación e comercialización para este sector básico da economía da provincia de Ourense”.

En canto a Vinis Terrae , o Salón do Viño e os Licores Galegos, que se celebrou o 25 e 26 de maio, o  presidente do Consello Regulador Valdeorras, José Vicente Solarat  destacou que o máis importante  , foi poder facer contactos de carácter promocional como DO e tamén comprobar que as adegas viron cumpridos os seus obxectivos, ademais estaban satisfeitos co nivel dos profesionais asistentes á feira”.

[arriba]

Novas Anteriores