18 Mai 2018

Valdeorras amosa o seu potencial vinícola na London Wine Fair, que comeza o vindeiro luns

A Denominación de Orixe Valdeorras participa cun stand propio na 38ª edición da London Wine Fair, un dos foros vinícolas máis relevantes de cantos se celebran no ámbito europeo. Entre o luns e o mércores da vindeira semana, o presidente do Consello
Regulador e o director técnico do organismo estarán na capital británica para atender persoalmente a todas aquelas persoas que se acheguen ata o espazo expositor valdeorrés.

“Trátase dunha feira moi relevante que nos axudará a dar proxección internacional aos nosos viños”, considera José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras. “Durante os tres días que dure o foro, esperamos dar a coñecer os nosos brancos e tintos entre diferentes grupos de interese tales como distribuidores, maioristas, importadores de bebidas e compradores clave do canal detallista e do canal Horeca (restauradores, sumilleres, propietarios de pubs ou bares e responsables de hoteis), así como entre xornalistas especializados e outros prescritores relevantes”.

O presidente do Consello Regulador e o director técnico do organismo viaxarán á capital británica para atender o espazo expositor que a D.O. habilita no recinto feiral

A relevancia do mercado británico
O máximo responsable da D.O. sinala tamén que o Reino Unido é o mercado exterior máis relevante para Valdeorras “en termos cuantitativos” xa que “a el se exportaron máis de 65.000 litros de viño da comarca na última campaña”. “Queremos coidar especialmente e preservar este mercado”, apostila García Pando.

Esta é a segunda feira internacional na que participa o Consello Regulador de Valdeorras no que vai de ano, tras a de Prowein. Dentro do stand de Valdeorras, daranse a coñecer máis de 30 referencias dunha ducia de bodegas da comarca.

Sobre London Wine Fair
A 38ª edición da London Wine Fair reunirá 14.000 viños de 40 países diferentes nun recinto de máis de 17.000 metros cadrados. Celébrase de luns a mércores da vindeira semana na capital británica. É unha feira centrada no sector do viño, fundamentalmente, aínda que tamén se dá cabida á exposición de bebidas espiritousas e está dirixida, en exclusiva, ao público profesional do Reino Unido.

[arriba]

Novas Anteriores