17 Xul 2018

Unha app permitirá ao Consello Regulador monitorizar os datos da vendima en tempo real

O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, informou hoxe ao Pleno do organismo de que na vindeira campaña poderanse monitorizar os datos da vendima (número de quilos recollidos, datos por variedades, etc) en tempo real, grazas ao desenvolvemento dunha app específica para o organismo.

“Coa habilitación desta aplicación, o Consello Regulador experimenta un salto cualitativo posto que diferentes procedementos administrativos relacionados coa vendima que ata o de agora se realizaban de xeito analóxico, pasan a dixitalizarse”, destacou García Pando.

Estará en funcionamento na vindeira campaña e o seu uso será preceptivo

Formación específica
A nova app, que será presentada proximamente aos adegueiros, posibilitará fomentar o proceso de transformación dixital no seo do Consello Regulador. A empresa que se ocupou de desenvolvela ofrecerá formación sobre o seu emprego a todos os membros do sector vitivinícola valdeorrés, posto que o seu uso será obrigatorio na próxima campaña.

Xunto a isto, o Pleno do organismo aprobou este martes o procedemento de auditoría de vendima e as normas da vindeira campaña para vedores, adegas e explotadores, que sofren lixeiros cambios para adaptarse aos requirimentos esixidos por ENAC. “Destas novas normas informarase tamén, proximamente, polo miúdo aos membros do eido vitivinícola de Valdeorras”, afirmou García Pando.

 

[arriba]

Novas Anteriores