/* */ Un total de 20 adegas participarán na XXIII edición da Feira do Viño de Valdeorras, a primeira que se celebra tras a pandemia
28 Xuñ 2022

Un total de 20 adegas participarán na XXIII edición da Feira do Viño de Valdeorras, a primeira que se celebra tras a pandemia

Un total de 20 adegas da comarca participarán, os vindeiros 9 e 10 de xullo, na XXIII edición da Feira do Viño de Valdeorras, a primeira que se celebra tras o parón ocasionado por mor da pandemia. A iniciativa, que conta cunha completa axenda de actividades paralelas, foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, e polo alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García.

“Dende o Consello Regulador non deixamos de impulsar accións promocionais para dar a coñecer os nosos produtos”, afirmou García Pando durante a rolda de prensa de presentación. “O godello vive un auténtico boom, como saberedes, pero tamén nos preocupamos por promocionar outras variedades autóctonas menos coñecidas”, abondou.

“Porén, o mercado é o que manda e, hoxe por hoxe, o que máis se demanda da nosa terra é o godello: auténtico buque insignia da nosa denominación de orixe. De feito, en catro anos duplicamos a produción de godello no territorio amparado”, engadiu.

A iniciativa foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, e polo alcalde do Barco, Alfredo García

Cultura, música e actividades arredor do viño
A XXIII edición da Feira do Viño de Valdeorras inclúe, como actividade paralela, unha representación teatral para poñer en valor a figura de Florencio Delgado Gurriarán, autor da comarca ao que este ano se lle adicaron as Letras Galegas. Tamén inclúe o programa a entrega de premios da XXIII Cata Oficial da Feira dos Viños de Valdeorras, que terá lugar no Paladium.

Xunto a isto, tras a inaguración oficial, o sábado 9 ás 13.00 horas e a apertura do recinto feiral, os Xardíns da Casa Grande de Viloira acollerán catas maridadas de viños da comarca con diferentes panes empanadas das I.X.P. Pan de Cea e Pan de Galicia; así coma con queixos de diferentes denominacións de orixe galegas. Tamén se programará unha cata con outros produtos agroalimentarios. Todo isto terá lugar na xornada do sábado, día no que non faltará a música de Los Íñigos e a Charanga Támega.

Xa no domingo, a actividade máis salientable é un curso de iniciación á cata de viños que se desenvolverá, igualmente, nos Xardíns da Casa Grande de Viloira. Ese mesmo día, pola tarde, ofrecerase unha cata dunha selección de viños de Valdeorras maridados con pinchos elaborados polo Café Teatro. Xunto a isto, haberá inchables e xogos para os cativos e cativas.

Ao igual que en anos anteriores, o recinto feiral permanecerá aberto en horario de 12,30 a 14,30 horas e de 19,30 a 23,00 horas. O prezo das copas fixouse en dous euros.

Poden ver o programa completo da Feira na seguinte ligazón:

– Programa da XXIII Feira do Viño de Valdeorras

Cartel ilustrador
García Pando non quixo finalizar a súa intervención sen referirse ao cartel ilustrador desta edición da Feira, para o que se convocou un concurso aberto, ao abeiro do cal no Consello Regulador se recibiron 45 propostas de toda España. A opción gañadora, elixida polo xurado, é un cartaz cuxo lema é Moita Vida, realizado por Juan Diego Ingelmo Benavente, natural de Burriana (Castellón).

[arriba]

Novas Anteriores