16 Xul 2016

Un total de 17 bodegas, que representan máis do 60% da produción na comarca, participan na XIX Feira do Viño de Valdeorras

feira3

A XIX edición da Feira do Viño, que se desenvolve nesta fin de semana na praza barquense de Viloira, foi inaugurada esta mañá nun acto no que participaron o presidente do Consello Regulador, Francisco García, e o alcalde do Barco, Alfredo García. O acto contou, ademais, cun pregoeiro de excepción, o ex ciclista profesional Álvaro Pino, que hai agora 30 anos gañaba a Volta Ciclista a España. No decurso do acto inaugural, Francisco García agradeceu ás 17 bodegas participantes na Feira “a súa adhesión á iniciativa” sinalando que, entre todas elas, representan “máis dun 60% da produción de viño na comarca”. 

Na inauguración da feira tamén participaron a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o director da Área de Agricultura e Gandería do MAGRAMA en Galicia, José Álvarez; e o deputado provincial na Deputación de Ourense e alcalde da Veiga, Juan Anta, en representación de José Manuel Baltar.

Por riba dos intereses individuais
Na súa intervención, ademais, o presidente do Consello Regulador reiterou o seu chamamento á unidade do sector na comarca. “A eliminación de diferenzas e a suma de esforzos é clave para poder esbozar o futuro do sector na comarca”, destacou. Neste sentido, proseguiu sinalando que “a defensa do Consello Regulador como institución, e dos viños que ampara, ten que estar por riba dos intereses individuais das persoas”.

O presidente da D.O puxo en valor, tamén, as relevantes novidades que a Feira trae este ano, tales como a celebración dunha cata con xurado popular ou a apertura da tradicional cata profesional a todas as bodegas da comarca, e non só a aquelas que teñan presenza no recinto feiral.

No decurso da inauguración, Francisco García salientou que “a defensa do Consello Regulador como institución, e dos viños que ampara, ten que estar por riba dos intereses individuais das persoas”

Superación continua
Pola súa banda, o pregoeiro Álvaro Pino destacou na súa intervención que o traballo dos viticultores e o ciclo da uva ten moitas similitudes co esforzo preciso para competir nunha carreira ciclista do máis alto nivel. En ambos os dous ámbitos é clave posuír afán de “superación continua”, afirmou.

Álvaro Pino puxo en valor tamén no seu pregón que “o esforzo dos viticultores, xunto á constante mellora dos viñedos e a crecente importancia da investigación e o desenvolvemento en moitas das bodegas que conforman a D.O Valdeorras, así como o incansable labor de promoción realizado desde o Consello Regulador” avalan os produtos vinícolas “desta singular e vital comarca”.

O pregoeiro, Álvaro Pino, fixo unha analoxía entre o traballo dos viticultores e as carreiras ciclistas destacando que a “superación continua” é clave en ambos os dous ámbitos

Programa de actos
O horario de apertura da Feira, nas dúas xornadas, vai ser de 12,30 a 14,30 de 19,00 a 23,00 horas. Tras o pregón e o percorrido das autoridades polos stands participantes, actuará no recinto feiral a charanga Fanfarria Taquicardia. A continuación, na tarde de hoxe (entre as 18,30 e as 20,30 horas) desenvolverase unha cata con xurado popular, cuxos premios se entregarán maña domingo (xunto ás distincións da cata profesional que onte se celebrou na sede do Consello Regulador).

Ademais dos viños e da gastronomía, a música será a gran protagonista desta edición da Feira. Esta noite haberá actuacións do grupo Los Brothers e da banda Gin Toni´s, que ofrecerá un concerto no que se versionarán temas de coñecidos grupos da música española dos anos 80. Tras a música de  Gin Toni´s é o turno do DJ Ozzy de Castro, que habitualmente pincha no coñecido Bar Rus da Coruña.

Mañá domingo actuarán a charanga BB+ e a agrupación musical Pándega. Ademais, en ambas as xornadas, desenvolveranse actividades dirixidas aos máis pequenos nos xardíns da Casa Grande de Viloira con inchables, animación infantil e obradoiros de globoflexia ou pintura, entre outros.

Durante os dous días que dure a Feira, porase en marcha un tren turístico denominado “Valdeorras Expreso” que se encargará de transportar aos visitantes ata o recinto feiral. O tren vai funcionar en percorridos de ida e volta durante todo o horario de apertura da feira con paradas no polideportivo municipal de Calabagueiros, no hospital comarcal, na Praza do Concello e na Praza de Viloira.

Bodegas participantes
As 17 bodegas participantes nesta XIX edición da Feira do Viño de Valdeorras son as seguintes:

  • Guitián y Blanco
  • Cooperariva Jesús Nazareno
  • Bodega Roandi
  • Cooperativa Virgen de las Viñas
  • Bodega A Tapada
  • Bodega José González González
  • Bodega Eladio Santalla Paradelo
  • Adega Cepado
  • Bodega Sampayolo
  • Viña Somoza
  • Bodega Enrique Mayo  Alonso
  • Viña Costeira
  • Bodega Manuel Corzo
  • Adega Docampo-Gacio
  • Bodega María Teresa Núñez
  • Avancia
  • Ladera Sagrada

feira4

[arriba]

Novas Anteriores