12 Xul 2021

Satisfacción no Consello Regulador tras a celebración dos actos de promoción vinícola en Valdeorras durante a pasada fin de semana

Brinde inaugural do Túnel do Viño de Valdeorras

A localidade do Barco de Valdeorras foi o escenario dos diversos actos de promoción vitivinícola que o Consello Regulador promoveu ao longo da pasada fin de semana, cunha boa participación de veciños e visitantes. Foron varios centos de persoas as que sábado e domingo puideron desfrutar de ata 70 referencias diferentes das 22 adegas da comarca que participaron no Túnel do Viño.

Este Túnel celebrouse cun marcado protocolo anti-Covid, que incluía ventilación da carpa, entradas e saídas diferenciadas e aforo limitado. Tamén se limitou a asistencia a 20 persoas a cada unha das catas comentadas que se celebraron nos xardíns da Casa Grande de Viloira. Unha foi sobre froita e viño e outra sobre maridaxe de queixos galegos con viños da comarca. Ambas as dúas completaron o aforo previsto.

Varios centos de persoas achegáronse ata o Túnel do Viño e as catas comentadas do sábado encheron o aforo previsto

Imaxe da cata de queixos das catro D.O.’s galegas maridados con viños de Valdeorras

Presenza institucional
Na cea oficial e entrega de premios da XXII Cata Oficial dos viños de Valdeorras houbo unha nutrida representación institucional ao contar coa presenza do conselleiro do Medio Rural, José González; do alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo González; e do vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández, entre outras autoridades.

 

Logo da fin de semana e a modo de balance, o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, expresa a súa “satisfacción” pola realización dos diversos eventos e confía en intensificar, paseniñamente e conforme se vaia recuperando a normalidade, “a axenda de actos do promoción dos viños da comarca en diferentes localidades galegas e españolas durante os vindeiros meses”.

[arriba]

Novas Anteriores