27 Abr 2015

Pedro Ballesteros, único Master of Wine español: “Godello, definitivamente godello”

pedro-ballesteros

O paso dos Masters of Wine por Valdeorras deixou pegada na comarca e deles falarase durante moito tempo. As verbas de loubanza ao traballo dos adegueiros e aos viñedos foron constantes e tamén deron a súa visión desta denominación. Pedro Ballesteros, o único Master of Wine español dos 320 compoñentes deste instituto de expertos internacional no mundo do viño, foi claro nas súas palabras cando se lle preguntou polas variedades e o futuro desta zona vitivinícola. Explicaba que  “Valdeorras ten unha variedade e uns terreos que os poden colocar entre as mellores rexións do mundo e de maior valor. A natureza deuvos a variedade, o clima, o terreo. Agora tócalle a quenda á xente de crelo e empezar a vender e a contar a historia e facelo algo único”.

Ao preguntarlle pola variedade pola que apostar na comarca foi rotundo e directo “godello, definitivamente godello”. Logo explicou con máis detalle “a rexión de godello máis importante en calidade é Valdeorras, cuns produtores que fan marabillas e son recoñecidos e apreciados en todo o mundo. Esa é a aposta que se debería facer, pero godello asociado a un viñedo, a un terreo, no solo á venda dunha variedade, porque calquera pode plantala onde queira. Solo a xente que ten bos terreos  e sabe traballar a variedade pode dar calidade”.

Tamén engadiu que “Valdeorras ten que apostar pola calidade, é moi pequeniña con 2,5 millóns de uva de godello de produción ao ano, polo que hai que conseguir que nos mercados internacionais sexa un mito, un nicho de pouca produción e moi valorada. Non hai que ter solo a visión do mercado local e hai que crear recoñecementos extraordinarios para os grandes produtores que venden viños caros fora, iso significa que aquí hai xente que vai vender máis caro o quilo de uva e que os que non poden comprar eses viños caros si adquiran os segundos e os terceiros viños doutros produtores. Iso xera unha riqueza extraordinaria e pénsase en Valdeorras como zona de calidade”.

A súa valoración remátaa dicindo: “O viño é un soño, xa no é un alimento. A xente que paga por un viño quere que sexa un luxo,  un soño. Temos que fomentar ese soño”.

Estas ideas coinciden co traballo de impulso a esta variedade que se realiza desde o Consello Regulador,  de feito o presidente, José Vicente Solarat recorda que “ esta denominación é a única que para que unha botella leve a contra etiqueta de godello ten que ser 100% godello, sen posibilidade de mesturas”.

[arriba]

Novas Anteriores