20 Mar 2019

Os viños de Valdeorras promocionaranse por vez primeira en Burdeos no marco de Vinexpo

O Pleno do Consello Regulador, reunido esta mañá, decidiu algunhas das accións promocionais que se van desenvolver dende o organismo ao longo de 2019 para divulgar a potencialidade dos viños da comarca. Neste sentido, decidiuse que o C.R.D.O Valdeorras participe en Vinexpo 2019. “É a primeira vez que tomamos parte neste prestixioso salón que se celebra en Burdeos”, destacou o presidente da D.O. ao finalizar o Pleno. Xunto a isto, o Consello Regulador vai participar tamén, un ano máis, na London Wine Fair, unha das feiras vinícolas máis relevantes de Europa, que cada ano se celebra na capital británica. A cita tamén terá lugar tamén no mes de maio.

Á presenza en feiras internacionais cómpre engadir –tal e como sinalou García Pando- outras accións relevantes que se desenvolverán en Galicia e Madrid para afianzar a marca Valdeorras. “Imos lanzar unha campaña promocional nas traseiras dos buses de Vigo de cara ao verán”, destacou. “Trátase da cidade máis poboada de Galicia, cun amplo potencial de mercado, sobre todo nos meses estivais, polo atractivo turístico da súa contorna”, engadiu García Pando. Esta acción promocional estenderase tamén ás traseiras de autocares que conectan Vigo con Madrid, “o cal lle dará un carácter itinerante á campaña”.

 Vinexpo se desenvolverá entre os vindeiros 13 e 16 de maio en Burdeos

Primeira auditoría de ENAC
A xuntanza do Pleno de hoxe non se limitou só a estudar as accións promocionais para este ano. Tamén se someteu a estudo o informe de auditoría de ENAC, cuxa acreditación se acadou o ano pasado. García Pando amosou a súa satisfacción por ter superado esta primeira auditoría da organización. “Máis alá de pequenas observacións e puntualizacións de detalles moi asequibles, o resultado é satisfactorio. Imos seguir contando coa acreditación ENAC”, apostilou.

Finalmente, o presidente do Consello Regulador indicou tamén que o Pleno do organismo aprobou que se fagan auditorías das súas contas con carácter anual. “O obxectivo é favorecer, ante todo, a transparencia nas finanzas do Consello”, asegurou.

 

[arriba]

Novas Anteriores