24 Abr 2017

Os viños de Valdeorras conquistan Madrid

Un total de 53 referencias de brancos e tintos de Valdeorras, pertencentes a 21 bodegas (a metade das que conforman a D.O.), puideron degustarse esta tarde en Madrid no acto de presentación da colleita 2016 da comarca, no que participaron representantes dos ámbitos institucional, político, empresarial e social da capital de España, así como diversos distribuídores e restauradores de prestixio.

Ao comezo do acto, presentado polo actor Javier Veiga, o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Francisco García Álvarez, animou aos presentes a degustar os viños da comarca e a coñecer os “valores diferenciais e singulares” que os definen. García destacou a calidade dos viños da zona e expresou a súa seguridade de que, tras a degustación de hoxe, todos os asistentes ao acto actuarán “como prescriptores e embaixadores” dos viños valdeorreses.

Na súa intervención, ademais, o presidente do Consello Regulador referiuse ao arraigo e á tradición vinícola de Valdeorras. “Case todos os habitantes da comarca están ligados, dun xeito ou outro, á elaboración de viño”, precisou, o que orixinou que na zona se teña conformado “un saber facer único” neste ámbito. Precisamente, “este saber facer” ten permitido á D.O de Valdeorras situar os seus viños en mercados tan esixentes como o dos Estados Unidos, o Reino Unido, Holanda, Bélxica ou o Xapón, destacou o presidente do Consello Regulador.

 Un total de 53 referencias de brancos e tintos da zona, pertencentes a 21 bodegas, puideron degustarse esta tarde no acto de presentación da colleita 2016 de Valdeorras na capital de España

Ademais de Francisco García, interviron no acto a directora xeral de Gandaría e Industrias Agroalimentarias dda Xunta, Belén do Campo; o director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónerga; o subdirector xeral de Calidade  Diferenciada e Agricultura Ecolóxica do MAPAMA, Javier Maté, e o prestixioso enólogo José Hidalgo, quen dirixiu unha cata comentada, explicando aos presentes as singularidades dos viños de Valdeorras.

O delegado da Xunta en Madrid e director de la Casa de Galicia, José Ramón Ónega, valorou que “o viño é cultura, civilización e amistade. O viño forxa, en efecto, a amistade cando se escancia con prudencia”. Tamén tivo palabras de eloxio para a zona de Valdorras, “un paraíso onde o Sil dá de beber á paisaxe e aos viñedos, onde os xistos e loureiras achegan fortaleza, por ser o teito de Galicia”. “Valdeorras é paraíso desde a Prehistoria e alí chegaron os pobos antigos para quedarse nesa fermosura de paisaxe. Andan as terras de León e Zamora preto e Valdeorras é a esencia de paisaxes e viñedos”, engadiu.

No marco do evento, que contou coa participación da directora xeral de Gandaría e Industrias Agroalimentarias da  Xunta, o presidente do Consello Regulador destacou o “saber facer único” dos valdeorreses na elaboración de viño

Cata comentada
Durante o acto, o prestixioso enólogo José Hidalgo destacous as singularidades e características das principais variedades autorizadas e preferentes de uvas brancas e tintas da comarca. Pola súa banda, a directora xeral de Gandaría e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, resaltou o “bo traballo” que están efectuando as bodegas que conforman a D.O. Valdeorras e puxo en valor a “relevancia” que posúen os actos de promoción para difundir a potencialiade dos viños galegos. Por este motivo, felicitou ao presidente do Consello Regulador por poñer en marcha de forma regular iniciativas divulgativas. Finalmente, definiu o sector vitivinícola galego coma “estratéxico”.

Finalmente, participou tamén no acto o subdirector xeral de Calidade Diferenciada e Agricultura Ecolóxica do MAPAMA, Javier Mate, quen eloxiu o traballo da D.O. Valdeorras á hora de apostar por diferentes variedades de uva no seu territorio amparado. Mate destacou, ademais, que o ámbito vinícola mobiliza un volume de negocio en España de máis de 4.000 millóns de euros anuais.

[arriba]

Novas Anteriores