02 Xul 2018

Os viños de Valdeorras conquistan A Coruña en forma de showroom e de obra artístico-literaria

“Hoxe, traemos un pequeno anaco da nosa terra –Valdeorras- ata esta fermosa cidade da Coruña, e facémolo, como non podía ser doutro xeito, en forma de viño, pero tamén en forma de evocación literaria e gráfica”. Son palabras do presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, na rolda de prensa que esta mañá ofreceu na cidade herculina para presentar unha iniciativa promocional dos viños da comarca.

Trátase dun showroon, no que participan 20 adegas da comarca, e no que se poderán degustar ao longo de todo o día de hoxe diferentes referencias de brancos e tintos valdeorreses. “A nosa produción vinícola caracterízase pola súa exquisita calidade. O bo facer (maioritariamente artesanal) dos nosos viticultores e adegueiros, que recollen o legado de xeracións enteiras adicadas á elaboración de viño, confire aos nosos brancos e tintos un valor diferencial con respecto aos viños doutras denominacións de orixe”, puxo en valor García Pando no marco da rolda de prensa.

“Ao longo do que resta de ano, imos seguir desenvolvendo accións promocionais noutras urbes españolas. Temos previsto visitar Málaga, Madrid e San Sebastián, cidades todas elas que representan mercados potenciais para os nosos viños”, engadiu.

O Salón Victoria do Hotel Finisterre da cidade herculina acollerá ao longo do día de hoxe un showroom no que participan 20 adegas da comarca

Valdeorras de Miguelanxo Prado
Na súa intervención, García Pando presentou tamén a obra Valdeorras, de Miguelanxo Prado. Xunto ao autor desta obra e a súa editora, Gemma Sesar, o presidente do Consello Regulador indicou que se trata dunha iniciativa que comezou a xestarse no ano 2014.

“É un libro que pretende facer un percorrido pola nosa comarca, de longa historia, a modo de caderno de viaxe. Seguindo os carreiros da súa especial relación co viño e descubrindo as súas cambiantes paisaxes, vilas e recantos, do fondo val aos cumios penedosos”, considerou García Pando.

Pola súa banda, o historietista e ilustrador Miguelanxo Prado sinalou na presentación de “Valdeorras” que poder realizar a obra foi para el un “agasallo” que lle permitiu xuntar tres das súas paixóns: a pintura, o viño e o descubrimento de novos lugares. “Non quixen facer un catálogo de bodegas e viños porque queríamos poner en valor a maridaxe entre a procedencia (o terroir) e o resultado final (o viño elaborado). Por iso pensei que sería moito máis efectivo realizar un caderno de viaxe”, engadiu.

“Fixen unha viaxe en dúas etapas a Valdeorras (unha durante a época da vendima), e permitiume descubrir a fondo esta D.O. Nese momento descubrín que non hai dúas colleitas iguais. Dende entón, aínda que eu sempre fun un gran afeccionado ao viño, valorei moitísimo máis o valor real de cada botella”, concluíu Prado.

No decurso da rolda de prensa, tamén se presentou a obra “Valdeorras” realizada polo ilustrador Miguelanxo Prando

Próxima Feira do Viño
Finalmente, o máximo responsable do Consello Regulador convidou a todos os coruñeses e coruñesas a achegarse na fin de semana do 14 e 15 de xullo ata o Barco de Valdeorras, onde se celebrará unha nova edición da Feira do Viño da comarca. “Sen dúbida, o escaparate máis potente dos viños da nosa D.O., posto que máis dunha vintena de bodegas con stand propio neste foro darán a coñecer o mellor da súa colleita”, finalizó García Pando.

 

[arriba]

Novas Anteriores