29 Xan 2019

Os viños de Valdeorras conectan co público profesional e con potenciais prescritores no marco do salón Enofusión 2019

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras participa nestes días en Enofusión 2019, IX Congreso Internacional do Viño, un prestixioso salón que se celebra en Madrid para amosar as últimas tendencias no eido vinícola e a innovación no sector. En palabras do presidente do C.R.D.O Valdeorras, “trátase  do foro ideal para que os nosos viños poidan conectar con potenciais prescritores”.

A participación do Consello Regulador neste salón inclúe presentacións e degustacións dos viños amparados baixo o seu selo de calidade, dirixidas principalmente a restauradores, sumilleres e público profesional.

Deste xeito, no Palacio de Congresos de Madrid, onde se celebra o salón, houbo unha cata comentada dirixida a profesionais na que participaron unhas 40 persoas e previamente desenvolveuse outra acción similar na Asociación Madrileña de Sumilleres.

Sobre Enofusión
A través de catas, degustacións, relatorios e debates, Enofusión 2019 eríxese como unha enoteca viva onde divulgar novas tendencias, reatoparse con xoias embotelladas e descubrir novos valores e viños de éxito. Todo isto co fin de revalorizar o viño, remarcando a súa relevancia e o papel que ten no noso país. A cita atrae cada ano a máis de 10.000 visitantes profesionais.

Este foro, que comezou onte en Madrid, reflicte a innovación e amosa as últimas tendencias no eido vinícola

[arriba]

Novas Anteriores