30 Xul 2018

Os viños de Valdeorras a exame no marco da cata da Asociación de Sumilleres Gallaecia

A sede do Consello Regulador acolleu hoxe a tradicional cata anual da Asociación de Sumilleres de Galicia Gallaecia, que sirve para valorar os viños da D.O. como paso previo á publicación da Guía de Viños, Destilados e Bodegas de Galicia 2018, coordinada por Luis Paadín. Así, un total de 101 referencias de viño valdeorresas -53 brancas, 47 tintas e 1 tostada- procedentes de 29 adegas da comarca foron avaliadas esta mañá na cata. As referencias proviñan de diversas colleitas dos últimos anos (as máis antigas das degustadas hoxe correspondíanse coa añada de 2011).

 Membros do equipo desta asociación, capitaneados polo seu presidente Aurelio Vázquez, avaliaron hoxe na sede do Consello Regulador 101 referencias do territorio amparado valdeorrés

As mellores referencias serán premiadas na vindeira edición das Distincións Gallaecia, un dos certames vinícolas máis relevantes da nosa Comunidade, que se desenvolverá este outono. Tras a cata, o presidente de Gallaecia, Aurelio Vázquez, afirmou que “os brancos valdeorreses teñen moi boa estrutura e calidades moi altas”. “Son viños –dixo- que posúen unha calidade ascendente ano tras ano”. Por outra banda, “os tintos teñen corpos óptimos, con moita froita e moi boas acideces”, apostilou.

Pola súa banda, José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador, amosouse moi satisfeito co elevado grao de participación das adegas nesta iniciativa sinalando que “máis de 2/3 do total tomaron parte” nela. García Pando manifestou o seu convencemento de que “os viños valdeorreses seguirán colleitando novos éxitos e recibindo novos premios nos vindeiros meses”.

53 brancos, 47 tintos e 1 tostado procedentes de 29 adegas da comarca participaron nesta cata previa á publicación da Guía de Viños, Destilados e Bodegas de Galicia 2018

[arriba]

Novas Anteriores