16 Mar 2017

Os sectores produtivos do viño e da lousa amosan o seu compromiso de impulsar accións de colaboración conxuntas

Representantes dos dous sectores produtivos máis significativos da comarca, viño e lousa, reuníronse esta mañá co obxecto de estudar posibles alianzas e estratexias de cooperación conxuntas, unha iniciativa que conta co respaldo da alcaldesa de Carballeda de Valdeorras. Francisco García, presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, e Severino González, xerente do Clúster da Pizarra de Galicia, salientaron ao termo da xuntanza a súa vontade de articular un convenio de colaboración que faga fincapé, principalmente, na aposta conxunta pola formación, o comercio exterior e o potenciamento da área TIC en ambos os organismos.

 Francisco García, presidente do Consello Regulador, e Severino González, xerente do Clúster da Pizarra, reuníronse esta mañá para abordar posibles fórmulas de cooperación entre os dous motores económicos da comarca

Precisamente, hai poucos días os responsables das dúas entidades asinaron cadanseu convenio de colaboración coa Galicia Business School, para favorecer o acceso dos seus membros aos programas formativas desta escola de negocios, baixo condicións preferentes. Tanto Francisco García como Severino Rodríguez queren intensificar accións de formación entre os integrantes dos organismos aos que representan e, mesmo, non descartan articular unha programación formativa conxunta que beneficie a ambas as entidades.

Tras a reunión de hoxe, a idea é poder esbozar un convenio entre o Consello Regulador da D.O. Valdeorras e o Clúster da Pizarra de Galicia que sería asinado, previsiblemente, nas próximas semanas.

[arriba]

Novas Anteriores