10 Xul 2021

O Túnel do Viño de Valdeorras permite aos visitantes degustar ata 70 referencias diferentes de brancos e tintos da comarca

Cun protocolo anti-Covid baseado en entradas e saídas diferenciadas, carpa semiaberta, aforo limitado e disposición de xel hidroalcólico desenvolveuse hoxe na praza de Viloira, do Barco de Valdeorras, a primeira xornada do Túnel do Viño da comarca. A iniciativa, que substitúe á tradicional Feira do Viño, reuniu ata 22 adegas que ofreceron aos visitantes unhas 70 referencias distintas.

Tras a entrega de premios da XXII Cata Oficial dos Viños de Valdeorras, que tivo lugar onte pola noite, o Túnel do Viño erixiuse en protagonista dos actos de promoción do sector vitivinícola que o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras desenvolve ao longo desta fin de semana. E os visitantes non faltaron, xa que ducias de persoas puideron entrar á carpa na que se está a desenvolver a iniciativa. Fixérono en quendas e nun tempo máximo de 45 minutos entre unha e outra quenda.

O Túnel do Viño celébrase en catro sesións diferentes. A primeira, na mañá e deste sábado. A segunda, hoxe pola tarde. E as dúas seguintes ao longo do día de mañá. As entradas vendéronse nunha jaima independente ao do evento e coa entrada deuse a cada visitante unha copa de cristal serigrafiada a modo de catavinos.

A iniciativa que se desenvolveu ao longo de todo o día na barquense Praza de Viloira, e se retomará mañá, reuniu 22 adegas valdeorresas

O director técnico da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, presentou unha cata comentada sobre a importancia dos froitos nos aromas e os sabores dos nosos viños

Catas degustadas
Cada unha das sesións vai acompañada por unha cata comentada específica. Así, o sábado e o domingo pola mañá, o director técnico da nosa D.O. imparte unha cata comentada baixo o título “Aromas e Sabores. Froita e Viño, mundos paralelos”. Polas tardes, nas dúas xornadas, Marisé Mosteiro, directora técnica da C.R.D.O. Queixo de Tetilla imparte cadansúa cata centrada na capacidade de maridaxe dos queixos galegos cos viños da nosa D.O.

Xunto a isto, haberá unha actuación musical patrocinada polo Concello do Barco de Valdeorras no marco dos actos de promoción vitivinícola, a cargo do grupo vigués Broken Peach, que se celebrará esta noite.

 

[arriba]

Novas Anteriores