12 Xuñ 2019

O territorio amparado valdeorrés ante o reto de medrar

Prantación dunha viña de godello para a Bodega Rafael Palacios en Santa Cruz (O Bolo)

Ninguén dubida que os godellos atravesan, quizais, o momento máis doce da súa historia. A sona e a calidade desta uva, orixinaria de Valdeorras, transcende fronteiras e está a orixinar que grandes grupos bodegueiros se asenten na comarca para explotala comercialmente. No marco deste contexto, o territorio amparado debe facer fronte a un importante reto que marcará o seu devir futuro: o de como medrar e consolidar novas plantacións.

Isto non parece doado nunha zona fortemente marcada polo “minifundismo”, tal e como destaca Pablo Funcia, xerente de Viticampo, unha empresa especializada en ofrecer servicios relacionados coa viticultura e a enoloxía que traballa para diferentes clientes valdeorreses.

“Agora mesmo están aparecendo grupos bodegueiros de fóra que poñen moito máis en alza o godello do que nós mesmos o fixemos”, asegura. “Están adquirindo terreos, que están gañando ao monte e nos que se están a conseguir viños cunhas características moi diferenciadoras, moito máis minerais, sobre todo en canto a brancos”, recalca.

Pablo Funcia dirixindo a prantación dun viñedo no Castro (O Barco) para a bodega Virxe de Galir

“Boom” do godello
No asunto troncal do minifundismo pon o acento tamén José Enrique Méndez. Este empresario de 47 anos, natural de Éntoma (O Barco de Valdeorras) ofrece a través de SAMA S.L. servizos relacionados coa viticultura e traballa para adegas moi emblemáticas da nosa zona como Godeval, Bodegas Ruchel ou Rafael Palacios, entre outras.

“O problema de minifundismo que existe en Valdeorras é, en realidade, inherente a toda Galicia”, puntualiza. O que pasa é que agora, segundo engade, hai moito interese por “plantar” e “recuperar” novo viñedo, sobre todo para dar resposta a este “boom” que vive o godello.

“A xente anímase a volver ás viñas porque ve que se lle pode sacar rendemento e a calidade da uva en Valdeorras é excelente”, destaca.

“Grandes grupos vinícolas de fóra están vindo para acá e queren asentarse nesta zona e non nas limítrofes porque verdadeiramente o noso godello é mellor”, puntualiza Méndez.

José Enrique Méndez traballando cun tractor nunha viña en Outeiro (Petín)

Unha orografía singular
Pero un dos principais problemas radica en como medrar. Miguel Tienda, responsable técnico da adega Virxe de Galir, do Grupo CVNE, teno claro. Tendo en conta a orografía do seu terreo, en Valdeorras “pódese medrar basicamente na formación en bancais”. Neste sentido, indica que “hai poucos predios ou superficie en chan e tendo en conta as ladeiras, que son a gran maioría, e as súas orientacións” cómpre apostar por esta modalidade de plantación.

Neste punto concreto, José Enrique Méndez tamén se amosa contundente. “O viño plantado en ladeira adoita recibir máis horas de sol, prodúcese quizais menos pero elévase a calidade da uva recollida”, detalla.

Amais disto, tal e como abunda Méndez, plantar en bancais permite, ao contrario do que acontecía antigamente, que poida existir “mecanización” do traballo na vide. Grazas á maquinaria agrícola innovadora coa que hoxe en día se realizan as tarefas do campo, “pódese traballar en pendente sen ningún problema”.

Miguel Tienda, responsable técnico da bodega Virxe de Galir

Hai futuro
Fórmulas de plantación como as que apuntan estes tres expertos, e que xa se están a executar na comarca, van permitir un crecemento “importante” do godello. Tienda lo ve evidente: “tanto a nivel de calidade coma mediático, hai moito futuro para esta variedade”. E é que, ao contrario que noutros territorios amparados, “o clima de Valdeorras permite maduracións plenas” e os diferentes terreos existentes “franco-areosos, pizarrosos e graníticos” achegan unha ampla variedade de matices e posibilidades, impensable noutras zonas.

Inxertos de godello recien prantados

[arriba]

Novas Anteriores