25 Mai 2017

O público especializado británico réndese ao poder dos viños de Valdeorras

O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras realiza un balance “moi positivo” da presenza dos viños valdeorreses na London Wine Fair, que durante estes días se celebrou na capital británica. Trátase dun foro dirixido, fundamentalmente, a público especializado e, neste contexto, o stand do Consello Regulador nesta feira recibiu a visita de numerosas persoas vinculadas ao eido da restauración ou aos medios de comunicación, entre outros eidos. Francisco García destacou que ao longo dos tres días de feira, máis de 150 persoas se achegaron ata o espazo expositor da D.O. Valdeorras, entre elas numerosos sumilleres de restaurantes británicos, compradores de tendas especializadas ou representantes dos medios especializados.

Na súa meirande parte, os asistentes a esta feira eran orixinarios ou residentes no Reino Unido, un público que pouco a pouco vai coñecendo os viños da comarca de Valdeorras. “Aínda así, puidemos comprobar que unha ampla porcentaxe dos que nos visitaron non tiñan referencias previas dos nosos viños”, sinalou García. Por este motivo, considera “prioritario” seguir desenvolvendo accións de promoción no futuro.

Sumilleres de restaurantes de primeiro nivel, compradores de tendas especializadas e representantes de medios de comunicación do sector do viño visitaron nestes días o espazo expositor de Valdeorras na London Wine Fair

Gratamente sorprendidos
“Nestes días visitounos moita xente nova, de entre 20 e 30 anos, con vinculación profesional directa ao eido do viño ou ao gastronómico”, destacou o presidente do Consello Regulador. “Todos eles amosaronse moi interesados en coñecer os nosos viños e unha vez os degustaban quedaban gratamente sorprendidos pola súa calidade”, abondou García. “A verdade é que estamos moi satisfeitos coa enorme acollida que o público nos deu estes días en Londres”, concluíu.

 

[arriba]

Novas Anteriores