20 Feb 2019

O presidente do Consello Regulador insta ao conselleiro do Medio Rural a procurar fórmulas que permitan reorientar as terras abandonadas a novas plantacións

De esquerda a dereita: Manuel Rodríguez, director de AGACAL, José Gónzalez, conselleiro do Medio Rural, José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador, e Yago Borrajo, xefe territorial da consellería en Ourense

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou esta mañá a sede do Consello Regulador, en Vilamartín de Valdeorras, onde mantivo unha xuntaza co presidente, José Luis García Pando, e cos membros do pleno do organismo. Na xuntanza, García Pando trasladou ao titular do Medio Rural as demandas do sector vitivinícola valdeorrés, entre as que salientou a necesidade de “procurar fórmulas que permitan reorientar as terras abandonadas cara a novas plantacións e terreos productivos”.

Xunto a isto, o presidente do C.R.D.O. Valdeorras instou a González a promover unha actualización do rexistro vitícola porque “moitas veces a numeración do SIXPAC non coincide coa do catastro”. García Pando considerou que estes erros “non poden afectar na petición de axudas para plantacións novas”.

Paralelamente, na xuntanza púxose en valor a necesidade de ter canto antes lista unha aplicación que permita informatizar o traballo administrativo das adegas, incluíndo informes e licenzas obrigatorias. Tal e como destacou García Pando perante o conselleiro, “en Valdeorras xa se traballa nesta liña”.

O titular deste departamento autonómico visitou hoxe as instalacións do C.R.D.O. Valdeorras para reunirse co presidente e cos membros do Pleno do organismo

Máis axudas para gastos de control
O presidente do C.R.D.O. Valdeorras solicitou tamén á Xunta un “aumento do orzamento para os gastos de control: auditorías, vendima, etc”. Xustificou esta demanda no feito de que “nos últimos catro anos os gastos de control téñense multiplicado por catro”.

Tamén na reunión de hoxe se puxo de manifesto a necesidade de “reclamar ao Goberno Central que as axudas a plantacións europeas sexan xestionadas dende a Xunta”. Así o solicitou ao conselleiro o presidente do C.R.D.O. Valdeorras.

Pola súa banda, o titular do Medio Rural destacou durante a súa intervención perante os medios do Pleno a “tolerancia cero” da administración autonómica con respecto a “calquera tipo de fraude no eido vinícola”. E tamén salientou a aposta da Xunta pola “promoción dos productos acollidos ás denominacións de orixe galegas”. “Queremos apostar pola calidade, polas variedades autóctonas e pola comercialización conxunta”, apostilou. “Non falamos dunha D.O. única porque cada unha ten as súas diferenzas e todas son necesarias, pero cómpre aproveitar as sinerxias comúns”, abondou e proseguiu sinalando que “imos facer un plan estratéxico dinamizador das cinco comarcas vinícolas galegas”.

Ao respecto da recuperación e posta en valor dos terreos produtivos galegos, o titular do Medio Rural avogou por “articular mecanismos para facilitar o acceso a estas terras”. Neste sentido, indicou que en 2019 aprobarase unha lei que posibilitara a recuperación de moitas destas terras.

Visita á Adega A Coroa, na Rúa

Visita a dúas adegas da D.O.
Tras a visita á sede do Consello Regulador, o conselleiro desprazouse ata as instalacións dunha das adegas da comarca, A Coroa. José González visitou tamén unha das cooperativas vitivinícolas valdeorresas, a Bodega Coop. Jesús Nazareno.

Visita á Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, no Barco de Valdeorras

 

[arriba]

Novas Anteriores