15 Set 2023

O presidente da Xunta de Galicia supervisa os labores da vendima durante unha visita aos viñedos da Bodega Joaquín Rebolledo, pertencente á D.O. Valdeorras

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor esta mañá o traballo levado a cabo polos profesionais do sector vitivinícola en Galicia e o gran valor que este xera na comunidade, poñendo o foco no exterior. “Os viños son excelentes nas cinco denominacións de orixe (DO) e teñen cada vez máis aceptación nas exportacións, camiño ao que aínda lle queda moitas alegrías por darnos”, salientou.

O titular do Goberno autonómico fixo estas declaracións nunha visita aos viñedos da adega Joaquín Rebolledo, pertencente á Denominación de Orixe Valdeorras. Durante o seu percorrido, no que estivo acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, destacou a importancia coa que conta o sector do viño na comunidade ao implicar a máis de 10.000 viticultores en toda Galicia en preto de 500 adegas e xerar un valor económico de produción en orixe de case 300 millóns de euros.

Neste sentido, o presidente fixo referencia ás boas previsións da vendima deste 2023, que apuntan que “pode ser moi boa, incluso superando aproximadamente nun 6 ou 7% o vendimado o pasado ano”, indicou en relación aos máis de 70 millóns de quilos colleitados na pasada campaña. Así, destacou que a DO Valdeorras é a máis adiantada das cinco denominacións de orixe existentes en Galicia, xa que leva recollido o 85% da súa produción.

[arriba]

Novas Anteriores