30 Mar 2022

O orzamento do Consello Regulador para 2022, que ascende a 757.000 Euros, destinarase principalmente a accións de promoción

O Pleno do Consello Regulador, reunido esta mañá, deu luz verde á liquidación orzamentaria e á memoria de actividades de 2021 e aprobou as contas para o novo exercicio, que ascenden a 757.897,76 euros. Tal e como sinala José Luis García Pando, presidente do Consello, as accións de promoción centrarán gran parte deste orzamento (e nelas investiranse máis de 300.000 euros).

En concreto, unha das accións máis sobranceiras que se ten previsto levar a cabo é a recuperación da tradicional Feira do Viño de Valdeorras, que este ano se desenvolverá con normalidade no mes de xullo logo de dúas edicións nas que tivo que cancelarse por mor da pandemia.

 A Feira do Viño, máximo escaparate promocional dos viños da comarca, celebrarase este ano con normalidade logo de dúas edicións canceladas pola pandemia

A Coruña, Santiago de Compostela, Alicante, Madrid e Barcelona serán algunhas das cidades que acollan actos promocionais dos viños da comarca. Así, os brancos e tintos valdeorreses poderán degustarse, por exemplo, na Barcelona Wine Week e tamén no Salón Gourmets de Madrid.

Xunto a isto, os viños promocionaranse na London Wine Fair, un dos foros vinícolas máis importantes do mundo, nun stand conxunto no que participará a D.O. Valdeorras xunto ao resto de territorios amparados de Galicia.

 

[arriba]

Novas Anteriores