14 Mar 2018

O orzamento do Consello Regulador para 2018, que ascende a case 550.000 €, centrarase principalmente no desenvolvemento de accións de promoción

O Pleno do Consello Regulador, reunido esta mañá, deu luz verde á liquidación orzamentaria e á memoria de actividades de 2017 e aprobou as contas para o novo exercicio, que ascenden a case 550.000 euros. Tal e como sinala José Luis García Pando, presidente do Consello, as accións de promoción centrarán gran parte deste orzamento. “O obxectivo é que os viños valdeorreses conquisten novos espazos nos mercados galego e español e, mesmo, no internacional”, asegurou.

Os viños de Valdeorras van ter presenza nalgúns dos foros europeos máis relevantes do sector. Así, o Consello Regulador contará cun espazo expositor propio na feira alemana de Prowein e na London Wine Fair británica. Xunto a isto, o Consello Regulador aprobou tamén participar no salón San Sebastián Gastronomika, que se celebrará en outubro en Donosti, e no foro Enofusión, que vai ter lugar a comezos do vindeiro ano en Madrid.

 O mercado galego, o de Madrid e o do sur de España son algúns dos territorios estratéxicos para a D.O., que tamén terá presenza en varios foros e feiras internacionais

Adicionalmente, está previsto tamén realizar presentacións da nova colleita de Valdeorras en xullo, na Coruña, e en novembro, en Madrid. Tamén en xullo se desenvolverá unha nova edición da Feira do Viño de Valdeorras, que neste ano acada a súa XXI edición. E, segundo destacou García Pando tamén perante o Pleno, vaise por en marcha unha acción promocional concreta no mercado andaluz durante o outono. “Andalucía é un mercado moi atractivo para os nosos viños e, por iso, apostamos por darnos a coñecer neste territorio cunha primeira acción que se desenvolverá na cidade de Málaga”, abondou.

Para completar a axenda de accións promocionais, está previsto que o Consello Regulador organice unha viaxe para traer ata a comarca de Valdeorras a un grupo xornalistas, bloggers e influencers especializados no mundo do viño, “que axuden a divulgar as singularidades dos nosos brancos e tintos e actúen como potenciais prescritores”, indicou García Pando.

 Está previsto, ademais, organizar unha viaxe a Valdeorras de xornalistas, bloggers e influencers especializados en viño, para que coñezan as singularidades dos brancos e tintos da comarca e actúen como prescritores

[arriba]

Novas Anteriores