01 Mar 2021

O novo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, respalda ao sector vitivinícola de Valdeorras

O novo delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta tarde ata a sede do Consello Regulador da D.O. Valdeorras para manter un encontro co seu presidente, José Luis García Pando, e co vicepresidente da entidade, Marcos Prada, coa finalidade de amosar o seu compromiso co sector vitivinícoa da comarca.

Tras un encontro de traballo cos representantes do Consello Regulador, no que expuxeron as demandas e necesidades do sector, o delegado territorial fixo un percorrido polas instalacións sinalando “a magnífica calidade destes viños, que se reflicte no seu permanente recoñecemento”.

Unha aposta clara e decidida
Gabriel  Alén subliñou tamén que a reputación dos brancos e tintos desta comarca non é un feito illado, pois o  crédito e o renome dos viños das outras denominacións de orixe da provincia é semellante aos de Valdeorras. Matizou ademais que “en Ourense están catro da cinco DO de Galicia, Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras, o que fala da importancia estratéxica deste sector”.

“Dende a Xunta de Galicia –significou o delegado territorial- temos clara a aposta decidida por todo o sector produtivo do viño, pois ademais de valorizar o rural estamos a asentar poboación e a crear riqueza con produtos de altísima calidade, recoñecidos e demandados internacionalmente”.

Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, agradece a visita ao delegado e expresou o seu desexo “de manter unha relación fluída coa Delegación da Xunta en Ourense”.

Gabriel Alén destacou “a magnífica calidade dos viños de Valdeorras, que reflíctese no seu permanente recoñecemento”

 

[arriba]

Novas Anteriores