O Hotel Pazo do Castro acolle o venres o acto de entrega de premios da XXI Cata Oficial dos Viños de Valdeorras
O Hotel Pazo do Castro, emprazado no Barco de Valdeorras, acolle este venres a partir das 21.00 horas o acto de entrega de premios da XXI Cata Oficial dos Viños de Valdeorras. Un evento no que teñen confirmada xa a súa presenza diferentes autoridades tales como Alfredo González, alcalde do Barco, ou Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense.
O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras explica os motivos polos que este ano se decidiu facer un acto destas características: “tras os duros momentos vividos polo confinamento, celebrar a Feira do Viño en Viloira non parecía o máis convinte para evitar posibles contaxios e frear a propagación do virus. Por esta razón, pensamos en facer un acto máis pequeño e dimensionado que poña en valor o traballo realizado polos nosos adegueiros e viticultores, que foi declarado esencial durante a pandemia”.
As referencias, remitidas por 21 adegas da comarca, foron avaliadas por oito catadores o pasado 10 de xullo
Todas as adegas
Un total de 21 adegas remitiron as mostras para seren avaliadas polos oito catadores que pudieron degustalas: 28 de branco e 29 de tinto. Fixérono o pasado 10 de xullo nas instalacións do Consello Regulador. “A novidade con respecto a outros anos, foi que decidimos abrir a cata a todas as adegas da comarca”, salienta García Pando.
No acto de entrega de premios, no que participarán unhas 50 persoas e no que se adoptarán todas as medidas precisas para garantir o distanciamento social dos convidados, distinguiranse os tres mellores brancos e os tres mellores tintos do ano en Valdeorras e haberá unha mención especial para brancos e outra para tintos doutras añadas.