25 Abr 2019

O Gran Casino de Santander déixase seducir polos viños de Valdeorras

O Gran Casino de Santander, un dos espazos máis recoñecibles e singulares da capital cántabra, réndese durante todo o día de hoxe aos encantos dos viños de Valdeorras. Faino no marco dunha iniciativa denominada Experiencia Verema, na que participan 18 adegas e 32 marcas de brancos e tintos do noso territorio amparado.

“O norte de España sempre foi un mercado moi relevante en termos de penetración dos nosos viños”, destaca o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando. “Con esta iniciativa, apostamos por afianzar a nosa presenza neste ámbito xeográfico e facémolo da man de Verema, entidade que aglutina unha das comunidades de aficionados ao viño e á gastronomía mais representativas do mundo de fala hispana, con máis de 74.000 usuarios rexistrados”.

Este espazo singular da capital cántabra acolle durante todo o día de hoxe un showroom, no que participan 18 adegas do noso territorio amparado, organizado por Verema

Potenciais prescritores
Ao longo da xornada de hoxe está previsto que se acheguen ata o Gran Casino de Santander potenciais prescritores de relevancia para os viños valdeorreses tales como xornalistas especializados, sumilleres, restauradores e chefs ou distribuidores.

Esta primeira Experiencia Verema completarase con outros tres actos de similares características que se celebrarán ao longo do ano nas cidades de Santiago de Compostela, Madrid e Barcelona. A idea última que perseguen estes eventos é      -segundo García Pando- a de “visibilizar os nosos viños” e “situar as actividades promocionais no epicentro da acción do Consello Regulador”.

[arriba]

Novas Anteriores