07 Mai 2020

O estado de alarma provoca un aumento considerable das vendas de viños valdeorreses en supermercados e canais online

A venda dos viños valdeorreses aumentou considerablemente durante o estado de alarma en determinados canais, tal e como se extrae dun informe que hoxe foi analizado polo conselleiro do Medio Rural e os máximos responsables dos consellos reguladores vitivinícolas galegos, entre os que se atopaba o presidente da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando. Como consecuencia do peche de negocios de hostalaría e a situación de confinamento, produciuse un aumento nas vendas de viño tanto en supermercados coma no ámbito online.

Valdeorras é lider en Galicia en canto a prezo por litro de viño vendido por canais online: 12,10 euros

Así, no que atinxe aos viños valdeorreses, a suba rexistrada na última semana da que hai datos dispoñibles (a que comezou o 20 de abril) foi dun 26,6%, con respecto ás mesmas datas do ano anterior, en vendas en hiper e supermercados. Porén, na semana que deu comezo o 13 de abril, a suba foi dun 40% (con respecto á mesma semana de abril de 2019). De entre as denominacións de orixe galegas, só a das Rías Baixas presenta subas porcentuais maiores neste apartado.

Xunto a isto, a venda por canais online (webs de hipermercados, supermercados e adegas) dos viños valdeorreses aumentou nun 1689% na semana do 20 de abril, con respecto á mesma semana de 2019. Foi a maior suba de viños amparados galegos e moi por riba da rexistrada nas principais denominacións de orixe españolas.

Prezos por litro no ámbito online
No que respecta ao ámbito online, Valdeorras é líder en canto a prezo de viño por litro en Galicia: 12,10 euros, o máis elevado de entre todas os territorios vitivinícolas amparados de Galicia.

DO Valdeorras Casa Galicia

[arriba]

Novas Anteriores