07 Xuñ 2017

O director editorial da Guía Peñín pon en valor o potencial de envellecemento dos viños brancos de Valdeorras

O Consello Regulador recibiu esta mañá a visita de Javier Luengo, director editorial da prestixiosa Guía Peñín, que se desprazou ata a sede do organismo para catar os viños de Valdeorras correspondentes, principalmente, á última colleita. Os brancos e tintos que obteñan maiores puntuacións referenciaranse na vindeira edición da publicación, que se editará previsiblemente no último trimestre do ano. Ao rematar a cata,  Luengo puxo en valor o potencial de envellecemento dos viños brancos de Valdeorras. “Cremos que ésta é unha vía de crecemento que paga a pena explorar”, enfatizou.

Neste sentido, manifestou sentirse “sorprendido” pola capacidade de envellecemento dos brancos da zona. “Entendemos que as bodegas da D.O. deberían comezar a valorar crianzas longas en botella dos seus brancos, de máis de dous anos”, afirmou. Xunto a isto, Luengo destacou como positivo que cada vez hai unha maior crianza de viños brancos “sobre lías” na comarca.

Javier Luengo catou hoxe nas instalacións do Consello Regulador máis de 90 referencias de viños da comarca

Comportamento óptimo do godello
En canto á colleita de 2016, o director editorial da Guía Peñín manifestou que “malia a dureza do ano, motivada polas inclemencias meteorolóxicas, as variedades godello comportáronse de forma óptima”. “Conservan moi ben os seus trazos varietais malia ter sido un ano tan complicado”, apostilou.

En relación aos tintos, Luengo afirmou que se percibía unha maior heteroxeneidade. “Os viños da zona reflicten moi ben os seus trazos en función de como foi o ano climático”, concluíu.

Os brancos e tintos que obteñan unha maior cualificación referenciaranse na vindeira edición da guía, que se publicará no último trimestre do ano

Publicación de referencia
A Guía Peñín é unha publicación de referencia no sector do viño dentro do ámbito nacional e, mesmo, internacional. Son moitos os importadores que antes de decantarse por un viño comproban previamente a súa puntuación nesta publicación. Por isto, a cata de hoxe é de gran relevancia para os bodegueiros da zona, xa que a publicaicón contribuirá ao impulso e proxección exterior dos viños de Valdeorras.

 

[arriba]

Novas Anteriores