28 Ago 2018

O Consello Regulador solicitará axudas para os viticultores cuxa produción se vise afectada por diferentes pragas e doenzas fitosanitarias

O Pleno do Consello Regulador, reunido esta mañá en Vilamartín de Valdeorras, decidiu por unanimidade solicitar axudas á Consellería do Medio Rural para aqueles viticultores valdeorreses cuxa produción se vira afectada por diferentes pragas e doenzas fitosanitarias e que poidan demostrar “unha diminución no número de quilos recollidos respecto á media obtida nos tres anos anteriores”. Así o valorou o presidente do organismo, José Luis García Pando, unha vez finalizada a xuntanza.

García Pando sinalou adicionalmente que o Consello Regulador aprobou, tamén por unanimidade, dar comezo aos traballos preparatorios para a campaña de vendima 2018, que se iniciará nos vindeiros días na comarca. Neste sentido, o Pleno acordou contratar os vedores para a vendima a través da empresa Ader, unha firma de traballo temporal coa que xa se colaborou o ano pasado.

No Pleno celebrado hoxe ultimáronse, ademais, os traballos preparatorios para a nova campaña da vendima, que dará comezo proximamente na comarca

Paralización das verificacións de aptitude dos viños
Finalmente, como en anos anteriores, o Pleno do Consello Regulador aprobou paralizar as verificacións de aptitude das partidas de viños. É dicir, para non interferir coa vendima, paralízase entre o 12 de setembro e o 17 de outrubro o traballo ordinario de catas que se vén desenvolvendo periodicamente nas instalacións do Consello.

Polo tanto, as bodegas interesadas teñen agora 15 días por diante para poder verificar a aptitude das súas partidas antes de que se paralicen temporalmente as catas.

Acordouse contar cos servizos da empresa temporal Ader para a contratación dos vedores

[arriba]

Novas Anteriores