22 Mai 2017

O Consello Regulador participa novamente na prestixiosa London Wine Fair, que se celebra ata o mércores na capital británica

A Denominación de Orixe Valdeorras participa cun stand propio na 37ª edición da London Wine Fair, un dos foros máis relevantes do eido do viño de cantos se celebran no ámbito europeo. Un total de dez bodegas da comarca exhibirán as súas referencias máis significativas de brancos e tintos dentro do espazo expositor do Consello Regulador, que participa nesta feira co apoio do ICEX.

Trátase da segunda visita consecutiva á London Wine Fair que Francisco García Álvarez realiza como presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras. García, que acode á cita xunto á secretaria xerente do organiso, Alda Pérez, considera “prioritario” seguir a “desenvolver accións de promoción para os viños da comarca” posto que “favorecen a súa vibilidade e proxección internacional”. Precisamente, a intensificación das accións de promoción está a ser unha das señas de identidade da Presidencia de Francisco García. Neste sentido, no que vai de ano téñense desenvolvido actos promocionais en Santiago e Madrid e o Consello Regulador participou xa na feira alemá de Prowein. Xunto a isto, o organismo acaba de decidir participar en novembro próximo na Feira de Hong Kong.

Un total de dez bodegas da comarca teñen presenza dentro do stand que Valdeorras desprega neste foro sectorial, que acada a súa 37ª edición

Dentro do stand de Valdeorras, dez bodegas con presenza na zona darán a coñecer as súas referencias. Trátase de O Luar do Sil S.L; Bodega Ruchel S.L; Guitián y Blanco S.C; Bodega Virxe de Galir S.A.T; Adega A Coroa S.A.T; Bodega Roandi S.L; Bodega Cooperativa Jesús Nazareno; Bodega Santa Marta S.A.T; Bodega Joaquín Rebolledo S.A. e Bodega Cooperativa Virxe das Viñas.

Sobre London Wine Fair
A 37ª edición da London Wine Fair, con máis de 600 expositores nunha superficie superior aos 17.000 metros cadrados, celébrase entre hoxe e o mércores na capital británica. É unha feira centrada no sector do viño, fundamentalmente, aínda que tamén se dá cabida á exposición de bebidas espiritousas e está dirixida, en exclusiva, ao público profesional do Reino Unido. Trátase, pois, dun evento clave para dar a coñecer os produtos vinícolas entre distribuidores, maioristas, importadores de bebidas e compradores clave do canal detallista e do canal Horeca (restauradores, sumilleres, propietarios de pubs ou bares e responsables de hoteis). A esta feira acode, ademais, a meirande parte da prensa especializada no sector vitivinícola de Gran Bretaña.

 

[arriba]

Novas Anteriores